Unha gran versión do Rotogal Boiro Voleibol é insuficiente para dobregar ao poderoso Guaguas

Miguel Álvarez.- O partido entre o Rotogal Boiro Voleibol e o Guaguas non decepcionou a ninguén. Ambos os conxuntos ofreceron un alto nivel na Cachada e os canarios, tras un inicio no que foron sometidos polos boirenses, mostraron o seu enorme potencial en terras galegas. Aos de Marcelo Benavídez non lles abondou con dar a súa mellor versión do curso no primeiro set ante un adversario que medrou co marcador en contra e acabou facendo valer a súa condición de campión da Superliga e candidato a reeditar o galardón (1-3).

O Rotogal Boiro Voleibol asinou un primeiro set case perfecto; posiblemente, o mellor do que vai de tempada. Cunha enorme contundencia no saque, someteu a un Guaguas desbordado ante o empuxe local. Todo funcionou para os de Benavídez, que pecharon o parcial cun folgado 25-17 ao seu favor.

Porén, o panorama investiuse na segunda manga, cando os canarios reaccionaron e, tamén desde o servizo, equilibraron a balanza cun nítido 15-25 ao seu favor. O Guaguas escapouse desde os albores do set ante un Rotogal Boiro Voleibol que pouco puido facer para contrarrestar o despregamento dos amarelos.

E, despois de repartirse exhibicións nos dous primeiros parciais, a partir do terceiro set expúxose un escenario máis igualado. Malia que O Rotogal Boiro Voleibol deu a cara, o Guaguas tomou a dianteira no marcador cun axustado 23-25. O equilibrio mantívose no cuarto set. No entanto, o poderío do bloqueo canario castigou os problemas que o Rotogal Boiro Voleibol padeceu nalgunhas recepcións para encarrilar un encontro co que se abriu a segunda volta e alcanzouse o parón do Nadal (21-25).

Rotogal Boiro Voleibol, 1: Gaby del Carmen, Mario Iglesias, José Carlos Romero, Felipe Benavídez, Renan Levandoski, Gaspar Bitar e Adrián Alves (líbero). Tamén xogaron Alan Davila, Cristóbal Álvarez e Pablo Nieto.

Guaguas, 3: Yosvany Hernández, Matthew Knigge, Yadrián Escobar, Hage, Borja Ruiz, César Martín e Alejandro Fernández (líbero). Tamén xogaron Paulo Renan Bertassoni, Almansa, Ángel Rodríguez y Moisés Cézar.

Sets: 1-0 (25-17), 1-1 (15-25), 1-2 (23-25) y 1-3 (21-25).

Árbitros: Jesús Antonio Soria e Hugo Suárez.

Incidencias: Partido disputado no Pavillón da Cachada ante uns 400 espectadores.