Tanxugueiras é elixida polos internautas como a palabra galega do ano en 2021

Xa temos Palabra do Ano 2021, logo da votación en liña convocada novamente pola RAG (Real Academia Galega) no seu Portal das Palabras, en colaboración coa Fundación Barrié. Os internautas, despois dun proceso que como de costume guindou (a través das palabras candidatas) un balance dos acontecementos relevantes que vimos de deixar atrás, decatáronse finalmente por tanxugueiras, en alusión directa a unha das agrupacións musicais galegas de meirande proxección e, indirectamente, aos novos camiños de creación, divulgación e reivindicación que está a percorrer a música tradicional galega e, por extensión, a nosa cultura.

O termo tanxugueiras, que alén de dar nome ao trío de pandeireteiras define un lugar poboado por teixugos, competiu con outras voces que serven, en conxunto, para definir o complexo ano que estamos a piques de despedir: coada, gromo, resiliencia, e vacinódromo. A votación rematou este 25 de decembro.

Segundo explican a RAG e a Fundación Barrié, a Palabra do Ano “trata de identificar aquilo que resuma como se viviron colectivamente os últimos doce meses ou algún aspecto que sobresaíse, para ben ou para mal, na actualidade máis próxima ou global, en ocasións a través de neoloxismos e noutras a través de voces presentes na lingua dende hai moito tempo”. É o caso das cinco voces finalistas, que fixeron referencia, un ano máis, á pandemia da COVID-19, pero tamén á actividade do volcán de La Palma ou ao auxe da música tradicional galega, tal e como demostra a presenza do vocábulo tanxugueira, que non figura no Dicionario porque é en realidade un topónimo que fai referencia a un lugar con moitos teixugos, amais de á agrupación formada por Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro.

Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

Un microtopónimo

O termo tanxugueiras, que non está no dicionario da RAG como tal, é en realidade o plural dun microtopónimo, que elevado á Palabra do Ano convértese “tamén nunha icona da gran riqueza da lingua galega como produtora de nomes de lugar que conforman un patrimonio inmaterial único no mundo, sinala a entidade, engadindo que a voz gañadora esta ano do certame designa, en concreto, unhas terras da parroquia de Fumaces, no concello de Riós (Ourense), situadas nun alto e abeiradas. No territorio galego hai outro lugares co mesmo nome nos concellos de Catoira (Pontevedra), Dodro (A Coruña) e, de volta na provincia de Ourense, en Viana do Bolo, como se pode comprobar na aplicación Galicia Nomeada, a plataforma para a recolleita colaborativa da microtoponimia creada pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia.

O vocábulo é unha alteración da forma etimolóxica Teixugueira, un zootopónimo común no país que sinala os sitios onde hai presenza ou abundancia de teixugos ou porco teixos, un tipo de mamífero de vida nocturna que se alimenta de bichocas, landras e plantas coma a do millo, polo que nalgúns lugares de Galicia se tocaba o corno polas noites para espantalo. Esta voz popular remitiría ao latín taxo, taxonis, o nome latino que recibía o teixugo, aínda que podería vir tamén dunha suposta forma xermánica thahsus ou do gótico thahsuks, explican dende a RAG.

A pegada da COVID e do volcán de La Palma

A COVID-19 deixou pegada no segundo, no terceiro e no cuarto posto da votación, que son para resiliencia, vacinódromo e gromo. O quinto foi para coada, na acepción referida ao manto de lava en estado líquido emitida por un volcán durante as súas erupcións, que quedou en último lugar despois de moito repetirse nos medios de comunicación e na rúa debido á actividade volcánica que abriu tantos telexornais dende o mes de setembro.

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié promoven dende 2014 a elección da Palabra do Ano a través do Portal das Palabras, o proxecto que comparten para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da lingua galega.