Boiro vaise poñer este 30 de decembro no punto de mira dos seareiros do rock e o pop español grazas á presenza da banda lucense Gin Toni’s, que estará pola noite (a partir das 21.00 horas) na Carpa Solidaria da Boqueira da Negral achegando un concerto. Este, inserido no programa de actividades de Nadal impulsado polo Concello, terá capacidade limitada e o acceso será libre até completar aforo.
A banda Gin Toni’s, para quen non o saiba, é un dos nosos grandes referentes en materia de covers, demostrando en cada concerto unha gran mestría na revisitación de todo tipo de clásicos pasados e presentes do pop-rock español, homenaxeando o legado de grupos como El Último de la Fila, Radio Futura, Loquillo, Los Rodríguez, M-Clan, Los Secretos, Siniestro Total, Rosendo, Los Suaves ou Tequila, entre outros moitos.
Os músicos que conforman o proxectos Gin Toni’s son naturais do Saviñao, en Lugo, onde comezaron a tocar de maneira case familiar até converterse nunha das bandas galegas que máis bolos acumula na súa axenda. De feito, segundo declaracións deles mesmos, teñen chegado aos 75 concertos anuais.
