A Asociación de Empresarios de Ribeira emitiu un comunicado crítico respecto da nova Comisaría de Policía Nacional da cidade e a situación na que se atopan os corpos policiais no concello, que, segundo a patronal ribeirense, comezarán o novo ano cunha importante falta de efectivos, o que redunda moi negativamente nunha cidade que por poboación e peso económico, social e cultural, precisa de máis axentes e máis recursos.
Reproducimos íntegro o comunicado da asociación:
“Con estupor e indignación lemos en prensa o descontento da Policía Local en referencia á falta de persoal dentro da Policía Nacional.
Dicimos con estupor pois así é como nos quedamos, estupefactos, ao constatar que estamos deixados da man de Deus na nosa cidade no que a forzas da orde se refire.
Con indignación por ser algo por desgraza esperado e previsible. Hai uns meses escribimos unha carta á subdelegada do Goberno en Galicia anticipándonos a esta situación e facéndoa participe desta problemática, e a calada foi a súa resposta: seguimos agardando por ela.
Se se nos permite unha licenza, isto é como aquel que estivo esperando toda a vida a que lle toque a lotaría, e cando por fin lle toca realiza o soño da súa vida e compra, gastando a totalidade do premio no coche de alta gama co que sempre soñara, pero esquecéndose de que este funciona con gasolina, e cando quere finalmente usalo non pode pois non ten con que encher o depósito. Así nos ocorre en Ribeira, anhelamos unha nova comisaría e cando despois de anos de esperar por ela fannos un bonito e suponse eficiente edificio, resulta que nolo inauguran sen dotación o que o fai totalmente inoperativo.
Preguntámonos a que se debe esta situación, pois por poboación perténcennos máis efectivos de ambas as policías e por non telos, os dous novos edificios con que contan, aí están, case sen funcionar.
Pedimos a quen corresponda, á señora subdelagada do Goberno, á Xefatura Superior de Policía, ou a quen sexa responsable, cumpran co seu traballo e solucionen estas carencias.
Non queriamos pechar sen chamar a súa atención sobre a dificultade dos nosos maiores para atopar a nova comisaría, modestamente cremos sería bo puxesen algún cartel indicador da situación da mesma.
Francisco Martínez Gude
Presidente A.E.R.