O valor total dos premios directos da Campaña de Nadal ARE supera este ano os 7.000 euros

A Campaña de Nadal impulsada pola ARE (Asociación Rianxeira de Empresarios) veu este ano con dúas liñas de traballo que comparten o obxectivo de revitalizar o comercio local e recoñecer a fidelidade da xente que aposta polos establecementos da súa contorna, o que se coñece como comercio de proximidade. Por un lado está a vertente online, que deu comezo o 15 de decembro e que culmina o día 9 de xaneiro cun sorteo. Por outra banda está a campaña física, que inclúe o reparto de vales para xogar na ruleta e que comezou o venres 17 de decembro. Podemos seguir todas as novidades relativas a ámbalas liñas de actividade no Facebook da entidade empresarial.

Por certo que o valor total dos premios directos directos (na ruleta máis os vales que se sortean na campaña virtual e física) superan os 7.000 euros.

A vertente en liña

En primeiro lugar, a asociación participa nunha campaña online organizada pola Federación de Comercio Rías Baixas na que está federada a ARE. Esta iniciativa consiste no sorteo de premios entre as persoas que rexistren os seus tíckets e facturas de gastos na web da Federación. O rexistro facilitarase ao máximo, xa que os establecementos asociados disporán dun cartel cun código QR que guiará aos interesados hasta a web do sorteo. Sortearanse 12 vales de compra de 50 € para gastar nos establecementos participantes.

A vertente física

Polo que respecta á campaña física, ten dúas partes diferenciadas: un xogo de ruleta con premios directos e un sorteo final de 10 vales de compra de 50 €. Os socios participantes dispoñen de “vales por unha tirada na ruleta” para repartir entre os clientes. Estes vales están numerados e permiten aos seus posuidores dúas cousas:

-Probar sorte na ruleta e ganar algún dos premios directos que agasallará a ARE (paraugas, bolsas, mochilas, botellas, lambonadas…).

-Participar no sorteo final de 10 vales de compra. As persoas que non teñan sorte na ruleta e non gañen ningún premio e aquelas que non queiran, ou non poidan, participar no xogo da ruleta, conservarán o seu vale para participar no sorteo final.

Árbores de Nadal

Para a decoración de Nadal desde a ARE apostaron este ano pola reciclaxe e o deseño galego da empresa Arlit, con sede en Silleda. Así, os socios da patronal puideron dispor este ano dunha destas árbores para usar como adobío nos seus escaparates ou no interior dos negocios. As árbores, de doada montaxe e desmontaxe, poderán gardarse rematado o Nadal e utilizarse en vindeiros anos.

Videochamadas Reis Magos

A ARE repetirá a actividade de videochamadas dos Reis Magos. Farao en colaboración co Concello.

Cabalgata de Reis

A ARE volverá colaborar na Cabalgata de Reis que este ano volverase realizar de xeito itinerante polo Concello.

Recollida benéfica Cáritas Rianxo

Recollida de alimentos, roupa e xoguetes, impulsada pola patronal rianxeira, en colaboración co Concello e a Piscina Municipal (Beone).