Miguel Álvarez.- Sen demasiado tempo para descansar tralo partido disputado entre semana ante o Feníe Energía Palma, o Rotogal Boiro Voleibol retoma este sábado 18 a Superliga. E faino cunha proba de máxima dificultade. Os de Marcelo Benavídez mídense co Guaguas, vixente campión e segundo clasificado da competición, nun duelo que arrincará ás 19.00 horas na Cachada. Trátase do primeiro encontro da segunda volta e do último antes do parón do Nadal.
En principio, o Rotogal Boiro Voleibol contará con todos os seus efectivos para enfrontarse a un Guaguas que, en opinión do técnico boirense “é un equipo con moitos nomes, con individualidades moi importantes. É estraño que perdese tres partidos, porque eu pensaba que non ían perder nunca”.
Na primeira volta, o Guaguas bateu ao Rotogal Boiro Voleibol por 3-0 en terras canarias. O conxunto insular dispón dun persoal confeccionado para renovar o título de Liga na que están a destacar o receptor Yosvany Hernández, o líbero Alejandro Fernández e o colocador Paulo Renan Bertassoni. Pero, ademais, conta con internacionais como Ángel Rodríguez ou Fran Iribarne, así como os contrastados Guilherme Hage ou Yadrián Escobar.
