O Bus Real comeza a percorrer as parroquias de Ribeira nunha xira que culminará o día 5 cos Reis Magos a bordo

O Bus Real vai circular a partir deste 21 de decembro polo municipio de Ribeira. O percorrido farase polas parroquias, chegando a todas as nenas e nenos do concello, culminando o día 5 de xaneiro cun novo itinerario (agora si) cos Reis Magos a bordo.

O alcalde Manuel Ruiz e a concelleira de Cultura, María Sampedro, estiveron este 21 de decembro no colexio de Deán para presenciar a posta en funcionamento deste vehículo, estando acompañados por Manuel Ferrín, da empresa de autocares.

María Sampedro lembrou que o día 5 o Bus Real visitará as parroquias dende as 10 da mañá ata pouco antes da Cabalgata en Ribeira, prevista para as 18 horas. Os nenos recibirán un paquetiño de chucharías sen glute. Ademais, dixo, sortearase un agasallo en cada parroquia entre os pequenos e pequenas que asistan a velos. A edil tamén manifestou que “esa será a última oportunidade de que os cativos deixen as súas cartas para as súas Maxestades, que xa se están depositando nos Puntos de Recollida de Soños que hai en todas as parroquias ou no Recuncho de Nadal na Porta do Sol”.

O alcalde incidiu en que “está é unha das iniciativas coas que se quere descentralizar as actividades de celebración destas datas organizadas polo Concello, como tamén o son o Nadal Pelegrín, os concertos ou as Rúas Musicais”. Manuel Ruiz aproveitou para pedir prudencia cando os veciños se dispoñan a ver a Cabalgata de Reis, convidándoos a gardar as distancias e protexerse.

Logo da presentación, o alcalde e concelleira estiveron cos cativos do colexio do Caramecheiro, onde unha paxe real estivo a recoller as cartas dirixidas aos Reis Magos.

Programación da visita do Bus Real cos Reis Magos o día 5:

• Capela da Guía (Carreira) – 10 horas.

• Aula de Música de Aguiño – 10.45 horas.

• Porto de Castiñeiras – 11-30 horas

• Porto de Palmeira – 12.15 horas.

• Centro Social de Oleiros – 13 horas, con visita ao Hospital do Barbanza

• Centro Recreativo de Artes – 16 horas

• Casa de Cultura de Olveira – 16.45 horas.

• Rúa das Delicias (Corrubedo) – 17.30 horas.