O Club Ciclista Barbanza, coa colaboración do Concello de Boiro, organiza a 34 edición dunha das grandes citas deportivas deste mes na nosa comarca: o Ciclocross Concello de Boiro. Na presentación da proba, que se levou a cabo na mañá deste 1 de decembro, estiveron a concelleira de Deportes, Dores Torrado, e o presidente do Club Ciclista Barbanza, Ricardo Riveiro.
O evento deportivo, que se vai disputar o luns día 6 de decembro, coa primeira saída ás 10.00 horas, está aberta para as categorías de elite sub-23 masculino e feminino, júnior masculino e feminino, cadete masculino e feminino, master feminino e master 30/40/50/60 masculino.
Hai prevista unha asistencia de entre 400 e 450 participantes de Galicia, a zona de Asturias e Cantabria e tamén de Portugal. O circuíto duns 2.500 metros, que está no calendario galego e tamén nacional, e entra nas probas para a clasificación da Federación Galega de Ciclismo e probas da Copa de España de Ciclismo.
A concelleira de Deportes, Dores Torrado, agradeceu a participación do Club Ciclista Barbanza para fomentar o deporte de base e as competicións deportivas. “Esta proba, de alto recoñecemento no mundo deportivo, pon en valor o ciclismo boirense e tamén o espazo natural no que se desenvolve e proba”, afirmou a concelleira.
