Impulso definitivo ao saneamento en Queiruga, cun investimento de arredor de 1,8 millóns

31 Decembro 2021

A Xunta e o Concello de Porto xuntaron forzas a prol da mellora do sistema de saneamento municipal en Queiruga, cun investimento autonómico que rolda os 1,8 millóns de euros. O Consello da Xunta autorizou este mércores 29 a colaboración técnico-financeira entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello para executar unha nova estación depuradora de augas residuais no lugar da Ponte.

Na autorización especifícase que a administración hidráulica da Xunta asume “integramente o financiamento da nova instalación”, que “suporá un grande avance para a rede de saneamento dos principais núcleos costeiros de poboación da zona sur do termo municipal”.

Augas de Galicia levará a cabo a contratación e execución das obras, amais da súa xestión ata completar o remate dos traballos. Pola súa banda, o Concello de Porto do Son asume a posta á disposición e xestión dos terreos precisos, ao tempo que asume a obriga de acadar as autorizacións para a execución dos traballos, de recibir as obras, así como o seu mantemento e conservación.

As actuacións deseñadas por Augas de Galicia pretenden mellorar o sistema de saneamento existente mediante a construción dunha nova depuradora no lugar da Ponte para 1.537 habitantes equivalentes para o ano horizonte 2043. Ademais, proxéctase unha nova rede de máis de 3 km de colectores xerais e 4 estacións de bombeo coas súas correspondentes impulsións para a condución das augas ata a nova depuradora. Tamén se inclúe a execución de dous colectores de augas pluviais.

A nova planta disporá de sistema de depuración por biodiscos. Disporá de pretratamento, tratamento primario e tratamento biolóxico. Tamén disporá de eliminación de fósforo mediante cloruro férrico, decantación secundaria e sistema de desinfección por luz ultravioleta.

Outros artigos

Os Trobeiros da Ponte ofrecen este sábado un concerto no Porto do Son

O clásico grupo Os Trobeiros da Ponte ofrecerá un concerto na Casa de Cultura do Porto do Son o vindeiro sábado, 3 de outubro, ás 20:00 horas. Trobeiros da Ponte é unha agrupación musical galega formada por un grupo de amigos apaixonados pola música que se converteu...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.