En Rianxo obradoiro de participación cidadá para o proxecto de reforma integral da Biblioteca Municipal

Co obxectivo de abrir un proceso de participación cidadá que axude na toma de decisións para o proxecto de reforma integral da Biblioteca Municipal Castelao do Concello de Rianxo, sita no BIC Pazo de Martelo, desde o Concello de Rianxo impúlsanse tres obradoiros prácticos abertos á veciñanza os días 27, 28 e 29 de decembro de 10 a 14 h. Na sede da propia Biblioteca.

Con diferentes actividades didácticas e lúdicas buscarase que a veciñanza achegue o seu modelo de Biblioteca, as súas demandas, os seus intereses, os seus espazos. O obradoiro será impartido pola arquitecta Sandra González (A Vila do mañá un programa infantil e xuvenil de intervención en espazos públicos) e conta coa colaboración da bibliotecaria Sofía Carou. Dividirase en grupos de idade a quen desexe participar nestas dinámicas.

O proxecto de reforma integral do edificio, moi danado nestes momentos, preténdese dirixir a varias solicitude de axudas que están a piques de producirse. A primeira delas baixo o epígrafe do 1,5% Cultural do Ministerio de Fomento, proceso no que xa se intentou en dúas ocasións. A segunda dentro dos fondos europeos do Programa de Impulso a la rehabilitación de edificios públicos (PIREP) . Ambas, xunto a un programa de préstamo do Instituto Galego de Vivenda e Solo son alternativas que se barallan para acadar os recursos.

Existe un proxecto básico inicial de reforma que se centra en dous aspectos como son por un lado a accesibilidade xeral dos dous andares do edificio, desde a Praza Rafael Dieste. Do outro, a reforma para dotar de elementos de illamento térmico de cuberta e xanelas, calefacción e facelo en definitiva máis sustentábel e cómodo para a cidadanía.

A Biblioteca conta con preto de catro mil usuarios e uns 26.000 volumes cunha das maiores ratios de préstamos da bisbarra, mais precisa dunha urxente posta o día do equipamento para o que se traballa coa Arquitecta Sandra González de Post Arquitectos.

É necesaria a inscrición previa no mail biblioteca@concelloderianxo.gal