Aprobada a execución dunha marquesiña na parada de bus do CEIP de Cespón

O Concello de Boiro aprobou a execución dunha marquesiña para o autobús escolar dos nenos e nenas do CEIP de Cespón. A Xunta de Goberno local deu luz verde a esta actuación, dun importe de 28.171,30 euros, e que se vai executar con cargo ao remanente de tesourería.

As actuacións que se pretenden levar a cabo implican a creación dunha pérgola de abrigo no lateral norte do centro docente para a recollida dos nenos polos autobuses, unha obra que segundo recorda o Concello vén sendo “moi demandada polo profesorado e a comunidade educativa do centro”.

Esta estrutura instalarse de xeito que proporcione acubillo dos ventos predominantes do sur, permitindo ao alumnado resgardarse das inclemencias meteorolóxicas tanto á chegada ao centro como a recollida polos autobuses.

A obra contempla a retirada da capa vexetal para a execución dunha soleira de formigón e a instalación dunha estrutura de madeira laminada de abeto finés de 30 metros de lonxitude por 3 de ancho, unha cuberta de panel sándwich e o peche lateral de policarbonato, materiais de xestión sostible que garanten a longa durabilidade.

Ademais a actuación abrangue a reparación do tramo de beirarrúa e eliminación de barreiras arquitectónicas onde se realiza a baixada dos nenos do bus.

O Concello lembra que este proxecto encádrase na súa liña de traballo destinada a mellorar os centros de ensino e a cobertura de necesidades e demandas recollidas polos consellos escolares. Están pendentes tamén de execución outras obras de mellora da seguridade viaria na contorna do CEIP Santa María do Castro e IES Espiñeira, así como as actuacións que xa se realizaron na Avenida de Compostela, nos accesos aos CEIP Santa Baia e Praia Xardín e IES Praia Barraña.