A Deputación da Coruña entregou a semana pasada catro vehículos adaptados a outras tantas entidades sociais da provincia, entre as que se atopaba, pola nosa comarca, a Asociación Amicos. Foron entregados polo presidente da institución provincial, Valentín González, e a deputada de Benestar Social, Ana Lamas.
Amais de Amicos, a Deputación achegou vehículos adaptados á Asociación de Dano Cerebral Adquirido ADACECO da Coruña, a Fundación para a Protección dos Discapacitados Psíquicos da Comarca da Barcala (Negreira), e ASPRONAGA na Coruña. A estas sumarase en datas vindeiras o centro O Lar de Oleiros.
Cun investimento de 183.000 euros, un total de cinco entidades recibiron este ano entre 29.000 e 40.000 euros para a adquisición destes vehículos adaptados, “que son unha demanda importante deste tipo de entidades sociais, xa que permiten o transporte diario dos seus usuarios e usuarias aos centros de día e centros ocupacionais, nos que realizan diferentes terapias e actividades”, explicou o presidente. Pola súa banda, a deputada Ana Lamas destacou a importancia que os vehículos teñen, especialmente no eido rural, para o transporte de usuarias e usuarios dos centros sociais da provincia e lembrou que a concesión realizouse en réxime de concorrencia competitiva no que participaron 17 entidades sociais da provincia.
