O pasado 19 de decembro a Casa da Cultura de Outes acolleu a undécima edición do Festival Benéfico de ADISBISMUR, a Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros. Unha vez máis, foi unha festa de creatividade, solidariedade e talento, valores personificados na comunidade de usuarios da entidade que, xunto cos seus monitores, desenvolveron un programa de actuacións teatrais e musicais. O certame acompañouse dun sorteo no que puideron participar os asistentes dirixido a recadar fondos para seguir loitando pola integración.
