A Xunta aposta por avanzar na xestión sostible da cría de mexillón e do percebe

30 Decembro 2021

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, explicou hoxe na Comisión 8ª
de Pesca e Marisqueo do Parlamento que a Xunta aposta por avanzar na explotación sustentable do percebe e da semente de mexillón (mexilla) e reiterou a predisposición do Executivo galego ao diálogo con todas as partes implicadas.
Nese obxectivo, destacou, enmárcanse medidas como a delimitación de zonas para a extracción de mexilla decretada para esta campaña e incidiu en que a finalidade é acadar unha explotación responsable, racional e sostible dos distintos recursos ao tempo que se desenvolve unha actividade sustentable tanto en termos biolóxicos como económicos e sociais.
Esta medida, lembrou Mercedes Rodríguez, aplicouse tras meses de negociacións tanto cos representantes dos bateeiros como das confrarías de pescadores e despois de ter en consideración os estudos realizados sobre a presenza de cada recurso -mexilla e percebe- nas rochas e acoutar con total proporcionalidade aquelas zonas de especial sensibilidade para o percebe como exentas de extracción de semente de mexillón.
De feito, a representante da Consellería do Mar aclarou que a delimitación de zonas só afecta ao 16% do litoral das provincias da Coruña e Pontevedra, estando excluídas desa contabilización as praias e a parte dos espazos do Parque Nacional das Illas Atlánticas que xa estaban restrinxidos para a extracción de mexilla desde hai anos sen que se
adoptasen novas medidas nestas zonas.
Estas zonas acoutadas, engadiu a directora xeral, son case as mesmas ca en 2021 e tense comprobado que non lastraron a capacidade do sector para abastecerse de semente de mexillón pois a extracción deste recurso mesmo se triplicou nos últimos tres anos malia esas restricións.
Propostas ao sector
Mercedes Rodríguez insistiu, non obstante, na necesidade de avanzar na xestión sustentable dos recursos a través do diálogo e da presentación de propostas, algo que a Xunta defendeu desde o principio. De feito, lembrou, na última reunión cos bateeiros a Consellería do Mar realizou ata cinco propostas, entre as que se inclúe a análise das
alegacións presentadas polo sector á orde que delimita as zonas de extracción e ver a posibilidade de flexibilizar as zonas acoutadas.
A elas engadíronse outras como a posibilidade de manter a extracción de semente de mexillón durante todo o ano, a flexibilidade no número de cordas colectoras e a época de despregue, a instalación de hatcheries para a cría de semente ou a creación de polígonos de cordas colectoras.
Nesta liña, Mercedes Rodríguez trasladou o compromiso de diálogo da Xunta neste eido e apelou ao sector bateeiro a manter o mesmo talante para chegar a acordos e impulsar a actividade de produción de mexillón en Galicia. De feito, a representante do Executivo galego lembrou que nos últimos anos se prorrogaron en distintas ocasións os períodos de
extracción de mexilla máis aló dos prazos ordinarios para facilitar a súa obtención en épocas de escaseza e tamén se ampliou o número de cordas colectoras para facilitar o labor dos bateeiros.
Marisqueo
A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, pola súa banda, analizou a situación do marisqueo na ría de Arousa durante este ano e lembrou que no estado dos recursos inflúen factores ambientais como as condicións meteorolóxicas e marítimas, que poden causar episodios de mortalidade cando se producen choivas intensas e continuadas que fan baixar a salinidade dos bancos marisqueiros.
A representante do organismo dependente da Consellería do Mar engadiu a este condicionante a incidencia do patóxeno Marteilia cochillia na produción de berberecho pois provocou importantes mortalidades desta especie desde 2012, o que redundou na redución da súa presenza na ría de Arousa e nunha menor produción marisqueira global.
Por iso, a Xunta desenvolveu nos últimos anos distintos proxectos co obxectivo de buscar estirpes de berberecho resistentes a ese patóxeno e mellorar a súa produción.
Ademais, lembrou, os datos da actividade do sector en 2020 e 2021 vense moi condicionados pola alerta sanitaria pola covid-19, que impediu que as campañas marisqueiras se desenvolvesen con normalidade ante as dificultades vividas para traballar e como consecuencia dos peches no sector da hostalería.
Non obstante, a directora do Intecmar destacou que as mostraxes realizadas nos bancos marisqueiros mostran bos datos de recrutamentos das distintas especies, pero que haberá que esperar un tempo para que a maioría de exemplares acaden talles comerciais. Nesta liña, tamén lembrou que a Xunta aprobou entre 2017 e 2020 máis de 40 proxectos das confrarías da ría de Arousa por importe de preto de 1,6 millóns de euros para actuacións coas que mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros.
Eses apoios permitiron a sementeira de preto de 20 millóns de unidades de ameixa babosa, a realización de arados ou o aporte de áridos nos bancos marisqueiros de Arousa.
A esas achegas engádense as da convocatoria deste ano, na que se aprobaron outros oito proxectos por importe de máis de 230.000 euros para novas sementeiras, remoción de substrato e outras accións coas que mellorar a produción.
En canto á calidade das augas da ría de Arousa, a directora do Intecmar subliñou que a súa evolución é favorable, como mostra o feito de que oito das 20 zonas de produción de moluscos bivalvos en viveiros flotantes existentes na ría mellorasen a súa clasificación microbiolóxica desde 2009 e ningunha empeorase. Ao mesmo tempo puxo en valor o Plan de Control de Vertidos, unha potente ferramenta da Xunta de Galicia que permite coñecer, controlar e actuar con celeridade ante calquera vertedura que poida rexistrarse ao medio mariño.

Outros artigos

Os ministros de Pesca da UE acordan posibilidades de pesca para 2025

Os ministros de Pesca da Unión Europea (UE) alcanzaron este mércores un acordo unánime sobre as posibilidades de pesca en augas do Atlántico e o Mediterráneo para 2025, segundo informaron o Consello da UE e a Comisión Europea. O pacto, logrado tras dous días de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O de sempre, para non variar: susto ou morte” – Antón Luaces

“O de sempre, para non variar: susto ou morte” – Antón Luaces

Segundo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, España acadou no recente Consello de Ministros da UE bos resultados no Atlántico e Mediterráneo, de xeito que asegura a viabilidade dos 570 barcos que faenan no Mediterráneo e, no Atlántico, tamén "bos...

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

Nos últimos tempos, a dereita política española está a preocuparse máis en lanzar trolas e mentiras para tratar de despistar sobre os múltiples casos de corrupción que tiveron, con sentenza firme, e que aínda ten xudicializados. Desde que o sr. Feijóo chegou á capital...