A Deputación achegará 5,3 millóns para a mellora da seguridade ao longo de trinta quilómetros da rede provincial de estradas. Entre elas en Rianxo, Noia, Lousame e Outes

A Deputación da Coruña aprobou en pleno importantes investimentos por importe de 5,3 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria na rede provincial de estradas. Este orzamento permitirá configurar novos espazos para os peóns e mellorar o trazado das vías, así como o seu firme. As tarefas levaranse a cabo nos municipio de Vimianzo, Oroso, Zas, Oza-Cesuras, San Sadurniño, Valdoviño, Lousame, Noia, Outes-Dumbría, Rianxo, Cabana de Bergantiños, O Pino, Bergondo, Sada, Oleiros e Ames.

O maior investimendo dedicarase ao concello de Vimianzo. O ente provincial destinará 1.165.469 euros para acondicionar a DP-9203 de Caxadas a Baíñas. As obras permitirán construír unha senda peonil de case dous quilómetros de longo na marxe dereita da estrada. O itinerario incluirá unha nova estrutura ao paso polo río Castro, onde a existente carece da capacidade de desaugamento necesaria.

Este proxecto mellorará, ademais, o trazado da calzada no punto 4+500, actualmente moi sinuoso e cun radio moi reducido á altura do núcleo de Padreiro de Abaixo. As actuacións farán que o radio mínimo sexa de 250 metros, cunha sección de plataforma de sete a nove metros con pavimento de mestura bituminosa en quente.

O pleno provincial tamén aprobou na sesión de hoxe outros investimentos para crear novo espazos para os peóns e peoas, co obxectivo de mellorar a seguridade na rede provincial de estradas. Así pois, investirá 201.267 euros para crear unha senda peonil na DP-3802 en Oroso, no tramo comprendido entre o punto quilométrico 7+420 e o 8+450, co fin de mellorar a accesibilidade nos núcleos de Carballal e Marzoa. A ruta contará con preto de 2 metros de ancho. Os traballos inclúen a canalización de pluviais.

Tamén se aprobou un orzamento de 183.731 euros para proxectar unha senda de dous metros de ancho desde a estrada AC-430 a Fornelos (DP-4001), en Zas. Uns 600 metros de camiño para mellorar a seguridade da veciñanza que reside nas vivendas da zona, onde non existen na actualidade nin beirarrúas nin zonas habilitadas para a circulación de peóns.

Ames tamén contará cunha nova senda na DP-0206 ao seu paso polo núcleo de Biduído, nun espazo onde hoxe en día non existe unha zona para o tráfico peonil. O camiño proxectado terá un ancho medio de dous metros. As obras contarán cun orzamento de 119.970 euros.

Tamén se construirá unha senda de 290 metros na DP-5810 de Coruxo de Arriba a Montrove, en Oleiros. Esta nova estrutura permitirá dar solución a unha calzada moi estreita e sen infraestrutura adecuada para a circulación de peóns. Na iniciativa inclúese a pavimentación do tramo da estrada afectado, a sinalización horizontal e a recollida de augas pluviais. As actuacións terán un orzamento de 183.988 euros.

Acondicionamento de firmes

O investimento aprobado tamén inclúe diferentes partidas para renovar a pavimentavión e instalar sinalización horizontal e vertical en diferentes tramos de estradas provinciais.

Así pois, a Deputación deu luz verde a un importe de 448.457 euros para a renovación do firme ao longo de máis de cinco quilómetros na estrada DP-7603 de Feira de San Sadurniño ao Coval, nos termos municipais de San Sadurniño e Valdoviño; 606.034 euros para acondicionar cinco quilómetros e medio na DP-1150 de Noia a Boiro (Lousame e Noia); 178.063 euros para mellorar un quilómetro e medio na DP-1603 de Ponte do Porto a Quintáns ao seu paso por Vimianzo; 258.270 euros para acondicionar a DP-3404 desde A Serra de Outes a Dumbría (Dumbría) e ramal ao longo de un quilómetro e medio; 303.248 euros para mellorar tres quilómetros de firme da DP-7202 de Rianxo a Burés por Asados (Rianxo); 233.400 euros para renovar 900 metros da DP-1404 no acceso ao dolmen de Dombate e 900 metros da DP-1403 do Valado á estrada de Ponteceso de Cabana á Pedra (Cabana de Bergantiños); 164.160 euros para a DP-6601 da estrada de Curtis-Lavacolla á vía de Arzúa-Santiago ao longo de dous quilómetros e medio (O Pino); e 137.920 euros na DP-0812 de Sada ao Espírito Santo (Bergondo) para arranxar preto de dous quilómetros.