A ABE súmase á campaña As forzas que multiplican para poñer en valor a economía local

Baixo o lema As forzas que multiplican, a Asociación Galega de Xerencia de Centros Comerciais Abertos (AGAXECCA) vai poñer en marcha unha campaña para dar a coñecer, a través das redes sociais, algunhas das propostas máis innovadoras desenvolvidas, nos últimos anos, por máis de 30 asociacións diferentes. O principal obxectivo desta iniciativa, á que se adheriu a ABE (Asociación Boirense de Empresarios) é “reivindicar a importancia dos pequenos negocios locais como creadores de riqueza e emprego, pero tamén como axentes dinamizadores da vida social nas súas respectivas localidades”.

Na campaña, que conta co financiamento da Deputación da Coruña, estarán representadas propostas moi diversas orientadas á dinamización comercial, ao relanzamento da actividade da hostalería ou a atraer consumidores de fóra da localidade onde desenvolve o seu traballo o CCA.

A AGAXECCA explica que “nalgúns casos, trátase de iniciativas que serviron para renovar campañas comerciais tradicionais, como o Nadal ou as rebaixas; noutros, as asociacións apostaron pola innovación para integrar as novas tecnoloxías no comercio tradicional”. O nexo común é o de ser exemplos de como a unión e a coordinación das pequenas empresas de ámbito local serviu para multiplicar a súa competitividade.

A ABE estará representada nesta iniciativa a través da campaña Xuntos Facemos Boiro, que consistiu en trasladar a imaxe do empresariado local aos clientes mediante pancartas colocadas nos farois da localidade co obxectivo de amosar a contribución que realiza cada un deles ao desenvolvemento local.

Precisamente será co vídeo da ABE co que se inicia este mércores 22 de decembro a campaña. AGAXECCA é a asociación galega para a xerencia dos centros comerciais abertos e urbanos de Galicia e o xerente da ABE, Tomás Estévez, ocupa o cargo de vicepresidente.