Noia e Muros estreitan relacións (e colaboracións) coas mariscadoras “de orilla” da costa chilena

01 Decembro 2021

A presidenta da Corporación Nacional de Mulleres na Pesca Artesanal de Chile, Sara Garrido, foi recibida na mañá deste 1 de decembro polo alcalde de Noia, Santiago Freire, no Consistorio da vila. Garrido e Freire puxeron en valor os puntos en común da recolección “de orilla” (en Chile) e o marisqueo a pé (na ría de Muros e Noia) e, tamén, a riqueza ambiental e económica que poñen en xogo, unha riqueza compartida que aspira a ser recoñecida como Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO, onde as dúas modalidades sustentábeis de recolección concorren de xeito conxunto. En palabras de Garrido, esta distinción “suporía un recoñecemento do traballo da muller, un patrimonio que se pasa de xeración a xeración e que queremos que perdure, pois é unha forma de vida”.

Acto de recepción á delegación chilena no Consistorio de Noia

Pola súa banda, o alcalde noiés, Santiago Freire, agradeceu “o traballo tanto de Sara Garrido como de Néstor Lloyd para dar os pasos necesarios para preparar unha candidatura seria, con rigor. Porque este proxecto merece ser declarado Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO”.

Sara Garrido estivo acompañada neste encontro por Néstor Lloyd, consultor que xestiona a candidatura en Chile; Roberto Sueiro, un dos consultores que xestiona a candidatura en Galicia; e Manuela Oviedo, xerente do GALP de Fisterra Ría de Muros e Noia.

As comunidades de traballadoras “de orilla” son o equivalente en Chile ao marisqueo a pé galego, aínda que tamén traballan con algas e outras especies. Os seus integrantes son esencialmente mulleres, o cal casa coa proposta inicial da Ría de Muros-Noia, onde a importancia da muller tamén é esencial no sector marisqueiro. Son comunidades de mulleres que están emprazadas nas illas de Chiloé e Tenglo e que, segundo Néstor Lloyd, “con esta candidatura á UNESCO séntense valoradas porque isto devólvelles parte do que sempre lles pertenceu: sentirse ben co que fan”.

O alcalde de Noia entregou a Sara Garrido e Néstor Lloyd unha reprodución dunhas laudas mariñeiras. Ao acto que asistiron os concelleiros de Economía, Laura Salgado; Medio Ambiente, Martín Fernández; e Protección Civil, Ana García.

Durante a mañá, a expedición chilena tivo unha dobre cita na ría de Noia: primeiro coas mariscadoras a pé e despois cunha visita en barco aos bancos marisqueiros. Sara Garrido asegurou que “lévome moito traballo e coñecemento. Hai semellanzas entre Galicia e Chile en canto a instrumentos e técnicas, pero tamén diferenzas, sobre todo a nivel de seguridade social, de formación e capacitación das mulleres”.

A primeira das visitas da mañá non estaba inicialmente prevista, pero foi acordada durante a reunión deste martes en Muros entre a delegación chilena e representantes das asociacións de mariscadoras de Muros e Noia, encabezadas polas súas presidentas Adela Lestón e Marisol Amado, respectivamente. Marisol Amado explicou que o obxectivo da candidatura a Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO “é pór en valor o produto, pór en valor o noso traballo, continuar con esa loita para conseguir.. e xa non é pouco”.

Un encontro no que tamén participou a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, quen destacou que a candidatura “trátase dun proxecto moi ambicioso e serve para ver o valor humano do traballo. Isto vai na liña da sustentabilidade, a economía circular. Consiste en dicirlle ao mundo que hai unha forma de vivir dos recursos naturais, de vivir ben e conservar o teu patrimonio natural e cultural, recoñecer que esas artes, esas formas de falar empodéranche en danche valor”.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.