
Outes conta a partir de hoxe cun espazo de traballo colaborativo para promover o nacemento de empresas, xerar emprego e contribuír á dinamización económica da localidade. O Centro de Emprendemento de Outes (CEO), situado en pleno corazón da Serra, ofrécelle a todas as persoas emprendedoras do municipio un espazo de traballo dotado de mobiliario, conexión de internet a alta velocidade, sala de reunións así como asistencia técnica e apoio no proceso de desenvolvemento e consolidación de iniciativas empresariais. O CEO comeza cunha capacidade de seis postos de traballo situados na planta baixa das antigas escolas do Bosque, na Rúa da Capela, se ben en función da demanda pódense habilitar outros seis postos de traballo na planta superior.
O alcalde, Manuel González López, asegura que se dota ao municipio dun espazo de coworking que aspira a servir de lanzadeira para a creación de empresas e permitirá xerar de emprego. “Os profesionais compartirán o mesmo espazo, fomentando así as sinerxías, entre eles. Preténdese deste xeito fixar en Outes profesionais relacionados con actividades de servizos diversas, como as vinculadas coas novas tecnoloxías” asegurou. Tamén indicou que xa se mantiveron conversas coa Deputación para unirse á súa rede de espazos de coworking e obter desa maneira o apoio para ampliar as instalacións e para o funcionamento das mesmas.
O investimento realizado aproxímase aos 40.000 euros, dos cales algo máis de 28.000 € correspondense a fondos europeos achegados polo Grupo de Desenvolvemento Rural DELOA. As persoas emprendedoras e profisionais que queiran facer uso destas novas instalacións poderán tramitar a solicitude en calquera momento, a partir do 25 de Novembro. Os requisitos para optar a unha praza están dispoñibles na páxina web do concello (www.outes.gal) e os interesados poderán pedir máis información nas oficinas da Axencia de Desenvolvemento Local, na casa do concello.
