Os xogadores do Rotogal Boiro Voleibol inculcan hábitos saudábeis nos centros escolares

Eloy Figueira Rial, fundador de Sana el Hoy, acompañado polos xogadores do Rotogal Boiro Voleibol José Carlos Romero e Renan Levandoski, así como polo adestrador Marcelo Benavídez, impartirán este venres 26 de novembro catro charlas sobre alimentación e movemento no CEIP Rosalía de Castro de Padrón. A actividade dará comezo ao redor das doce do mediodía.

O proxecto Sana el Hoy ten unha duración de oito meses e impártese en horario escolar en centros educativos da comarca do Barbanza e doutros municipios galegos. Está dirixido sobre todo aos escolares de Primaria, xa que esa é a franxa de idade na que resulta máis sinxelo crear uns hábitos positivos que poidan implantarse e seguirse durante toda a vida. Os obxectivos desta iniciativa son “comprometer ao alumnado coa saúde e fomentar unha alimentación saudábel e sustentábel tanto coas persoas como co planeta”. En última instancia búscase combate doenzas e trastornos como a obesidade infantil ou a diabetes.

O Boiro Voleibol sumouse á iniciativa para levar a cabo unha acción fundamental de responsabilidade social como é difundir os beneficios dunha correcta nutrición.

Eloy Figueira explica que o proxecto pretende inculcar entre a poboación en idade escolar, e tamén entre as nais e os pais, a importancia das boas prácticas nutricionais para conseguir unha boa saúde. As actividades inclúen charlas e accións didácticas para “transmitir recomendacións e advertencias nutricionais que axudarán tanto aos alumnos como aos seus pais a vivir máis e a vivir mellor”, explica Eloy.

Segunda visita da semana a Padrón

Eloy Figueira Rial, acompañado por Gaby del Carmen e Gaspar Bitar, xogadores do Rotogal Boiro Voleibol, visitaron antonte o IES Flavia de Padrón para impartir varias charlas.