A semana pasada iniciáronse en Dodro os traballos para poñer en valor o petróglifo de Bouza Abadín, na CCMM Cruz do Avelán, impulsados polo Concello e máis a Deputación da Coruña. Estes labores forman parte dun proxecto integral para limpar, estudar, sinalar e reivindicar estes tesouros patrimoniais da nosa comarca. A pé de campo están a traballar as arqueólogas Nerea Vilariño, Elena Taboada, Paula Méndez e máis o arqueólogo Darío Peña, da empresa Árbore Arqueoloxía e Restauración S. Coop. Galega.
![](https://i0.wp.com/obarbanza.gal/wp-content/uploads/2021/11/petroglifo-dodro-bouza-avelan-1.jpg?resize=900%2C675&ssl=1)
O equipo está a compartir unha chea de imaxes sobre as tarefas desenvolvidas e os seus resultados, tal e como se pode ver no Facebook do Concello e máis na propia rede da cooperativa, cuxas integrantes mesmo achegaron a posibilidade de recibir aos veciños e veciñas para amosarlles os traballos levados a cabo e a importancia histórica e artística do petróglifo e da súa contorna.
A iniciativa é froito da colaboración entre a área provincial de Turismo e o Concello de Dodro, que mantiveron recentemente unha xuntanza na que participaron o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e os concelleiros Cultura e Ensino de Dodro, Xoán Xosé Vicente Franco e Abel Tarrío, e na que se acorada “dar pasos conxuntos para a mellora e promoción deste ben patrimonial de especial interese no concello de Dodro”.
![](https://i0.wp.com/obarbanza.gal/wp-content/uploads/2021/11/pegroglifos-dodro-bouza-avelan.jpg?resize=900%2C600&ssl=1)
Segundo explica a Deputación, o petróglifo de Bouza Abadín posúe “unhas privilexiadas vistas sobre o río Ulla” e é “sen dúbida o máis coñecido do termo municipal”. Inclúe unha combinación de motivos xeométricos, tales como círculos e cazoletas, e motivos naturalistas, coa representación de animais como cervos e escenas de equitación. “Na actualidade”, explicaron o Concello e a entidade provincial, “a visibilidade dos gravados estaba a ser cada vez máis dificultosa debido a un manto de colonización biolóxica que cubría parcialmente as pedras, posto que a última intervención data de 2011”.
Como dixemos, a recuperación está a ser desenvolvida pola pola empresa especializada Árbore S.Coop. Galega e consisten na limpeza en seco dos soportes gravados eliminando a vexetación máis intrusiva e daniña seguindo as pautas de restauración pertinentes e mediante o uso de palillos de madeira, cepillos etc. Posteriormente documentarase cada motivo mediante fotogrametría e xeración de modelos 3D que serán utilizados como base para a obtención de calcos dixitais. Por último, deseñarase unha cartelería específica que integre o petróglifo cos demais bens patrimoniais da súa contorna
O petróglifo de Bouza Abadín forma ademais parte da ruta Pensa Nao, baseado na novela de Anxo Angueira; un recurso de especial interese cultural e patrimonial que pasa polos principais lugares arqueolóxicos de Dodro. Está considerado, ademais, un tesouro da Idade de Bronce.