Os Premios Youtubeiras desvelaron o palmarés da súa quinta edición

27 Novembro 2021

Finalmente xa temos creacións gañadoras nos Premios Youtubeiras, dirixidos a converter a rede social Youtube nun fervedoiro de talento na nosa lingua. O palmarés foi dado a coñecer este venres 26 de novembro nunha gala final celebrada na Casa da Cultura de Bertamiráns, en Ames, conducida polo grupo Tanxugueiras. O xurado do certame (organizado polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña) decidiu premiar a Olanxonmario, O Son das Ideas, Neeumatiko, Pablo Rodríguez Vila, Toxío, AstroXabi, Cousas RarismASMR, Cousxs, Xacobo de Toro, Recuncho Gamer e Orgullo Galego.

O xurado (composto por Noemí García Rodríguez, Fernando Ramallo, Adrián Lede, Sonia Méndez, Esther Estévez e Conchi Cochón Rodríguez en calidade de secretaria) valorou positivamente a cantidade e a calidade das canles presentadas e tamén salientou “a existencia dunha comunidade asentada de referencia para Youtube en lingua galega”.

Unha imaxe Olaxonmario logo de recibir os seus recoñecementos

O gran triunfador da noite foi Olaxonmario, quen acadou dous dos cinco galardóns aos que aspiraba: Youtubeira/o e Vídeo. O xurado destacou deste creador, a quen cualificou de “referente nas redes sociais”, a súa capacidade de “conectar con moita xente dentro e fóra das nosas fronteiras”. Do seu vídeo galardoado, Por que é que non entendo o Portugués? Co @Portuguese With Leo, sinalouse que se trataba dun “dos vídeos en galego non musicais que está a ter maior repercusión dende o seu lanzamento en Youtube”.

O Son das ideas

Na categoría de Canle, a gañadora foi O Son das ideas. “O seu contido triunfa por todos os recursos que emprega nos vídeos, pola súa facilidade de explicar temas complexos e a súa creatividade plasmada a través das animacións”, apuntou o xurado. Estas tres categorías contan cunha dotación económica de 1.000 euros.

O premio á Calidade Lingüística recoñeceu neste 2021 a Neeumatiko, de quen o xurado puxo en valor o seu “dominio formal tanto na dimensión gramatical coma léxica e fonética”. Pola súa banda, Toxío recolleu o galardón no apartado de Calidade Técnica polo seu coidado uso dos recursos audiovisuais e Pablo Rodríguez Vila levou o Premio Impacto, xa que a súa canle conta cunha media de 2.000 reproducións por vídeo.

O Premio Comunicación recaeu en AstroXabi, dado que en moi pouco tempo conseguiu facerse un oco e xerar unha comunidade arredor dunha temática especializada.

A canle Cousas RarismASMR converteuse na gañadora do Premio Creatividade, mentres que a gañadora do galardón musical foi para Cousxs.

“Un referente indiscutíbel na divulgación didáctica de contidos”. Así definiu o xurado a Xacobo de Toro, quen se alzou co Premio Didáctico, mentres que Recuncho Gamer acadou o Premio Pioneiro. Por último, a canleOrgullo Galego conquistou o Premio do Público con Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia. Estas nove categorías contan cunha dotación económica de 500 euros.

Os galardóns foron entregados por representantes das diferentes institucións organizadoras do Proxecto Youtubeiras. Xunto aos distintos membros do xurado, subiron ao escenario o alcalde de Ames, Blas García; do Grove, José Antonio Cacabelos; o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, ou a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística do Concello de Ames, Escarlata Pampín. Exerceron tamén como entregadores/as o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Obiña; o concelleiro de Políticas Lingüísticas de Santiago, Rubén Prol, a concelleira de Cultura e Educación de Teo, María López Álvarez; a concelleira de Cultura e Turismo de Ribadeo, Pilar Otero Cabarcos; o concelleiro de Normalización Lingüística de Moaña, Aldán Santamarina, e a concelleira de Política Social, Emprego, Educación e Cultura da Baña, Mónica González.

Ademais, entre os asistentes tamén se atopaban outros representantes municipais como son as concelleiras de Negreira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, Mar García Vidal e a de Educación e Sanidade, Teresa Douro, ou o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural de Ames, Manuel Lens.

Carme Pereiro, coordinadora dos Premios Youtubeiras, destacou na súa intervención en nome da organización que este ano se procurou a consolidación da “figura de youtubeira”. E engadiu: “Non se permitiu que se presentasen vídeos illados coa intención de fomentar a creación e o mantemento de canles en galego, queriamos así valorar aínda máis a figura youtubeira que xurdiu arredor desta iniciativa”, sinalou Pereiro tras agradecer a todas as institucións implicadas o seu esforzo nestes galardóns, que repartiron 7.500 euros entre as persoas gañadoras. Pereiro, ademais, destacou a “calidade dos vídeos” e para concluír, animou “a continuar proxectando o galego como lingua viva e con capacidades magnéticas”, facendo así referencia ao lema que acompañou a esta quinta edición dos Premios Youtubeiras: Magnetismo en liña.

Resultado final

Premio Canle

-Canle Gañadora: O Son das Ideas

Finalistas: Olaxonmario e Neeumátiko.

-Premio Youtubeira

O gañador: Olaxonmario.

Finalistas: Neeumátiko, e Cousxs.

-Premio Vídeo

Vídeo gañador: Por que é que non entendo o portugués? Co @Portuguese With Leo (vídeo de Olaxonmario).

Vídeos finalistas: A nova bomba das Tanxugueiras (vídeo de Cousxs) e Educación franquista (vídeo de Pradorua)

-Premio Calidade Lingüística

Canle gañadora: Neeumátiko

Canles finalistas: Cousxs e Esbardalhando.

-Premio Impacto

Canle gañadora: Pablo Rodríguez Vila

Canles finalistas: Olaxonmario e Neeumátiko.

-Premio Calidade Técnica

Canle gañadora: Toxío

Canles finalistas: O Son das Ideas e Xacobo de Toro.

-Premio Comunicación

Canle gañadora: AstroXabi.

Canles finalistas: Pablo Rodríguez Vila e Un rapá TRANSquilo.

-Premio Creatividade

Canle gañadora: Cousas RarísimASMR.

Canles finalistas: O Son das Ideas e Olaxonmario.

-Premio Musical

Canle gañadora: Cousxs

Canles finalistas: FØ Records.

-Premio didáctico

Canle gañadora: Xacobo de Toro

Canles finalistas: O Son das Ideas e Neeumátiko.

-Premio Pioneiro

Canle gañadora: Recuncho Gamer

Canles finalistas: Pingando e Astroxabi.

-Premio do Público

Vídeo gañador: Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia, da canle Orgullo Galego.

Vídeos finalistas: Amemos o noso (da canle Xabi Gómez e Sara Sánchez) e El cuarteto de IBAI – Lucas Requena (PARODIA / VERSIÓN GALEGA) | Feat. Dani Piñeiro (da canle Fica coa Bola).

Outros artigos

A enseada da Pobra dará a saída á Liga de Cruceiros Ría de Arousa

A unión entre os clubs máis representativos na escena cruceirista de Arousa vai facer posíbel que un ano máis se celebre a clásica regata invernal na ría. Os clubs Arousa Norte (A Pobra ), Ribeira, Rianxo e o centenario Real Club de Regatas de Galicia (Vilagarcía)...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“De cuentos y cuentistas”. José Antonio Constenla

“De cuentos y cuentistas”. José Antonio Constenla

La vicepresidenta primera del Gobierno y ministra de Hacienda, María JesúsMontero, ha justificado la intervención de Moncloa en el relevo del presidentede la empresa Telefónica, en que “tocaba el proceso de renovación” y por quées muy importante que España cuente con...

“Aprende del ejemplo” – Manuel Domínguez

“Aprende del ejemplo” – Manuel Domínguez

Una Goleta, con tres palos, Trinquete, Mayor y Mesana, cada palo aguanta su vela. Así funciona y así navega, un palo no aguanta la vela que no le corresponde, cada quien aguanta la suya. Así pues, no es eficaz, que una persona transporte los problemas de otra, podrás...