O BNG de Outes pide que o Concello abandone o modelo SOGAMA e se integre na Mancomunidade Serra do Barbanza

O Grupo Municipal do BNG en Outes presentou unha moción para ser debatida en pleno na que se convida ao Concello a adherirse á Mancomunidade Serra de Barbanza, unha entidade na que están inseridos todos os concellos da contorna de Outes e que aposta, dende a planta de reciclaxe de Lousame, por achegar un modelo de proximidade alternativo a SOGAMA baseado en xerar riqueza coas segundas e terceiras vidas dos refugallos no canto de incinerar.

O BNG sostén que o concello de Outes é “o único da comarca que aínda está sometido a un modelo de xestión de residuos polo cal a maior parte do noso lixo acaba na incineradora ou nun vertedoiro”. Este modelo, din, é “un modelo totalmente desfasado” e “contrario ao que debería ser un obxectivo común de calquera administración pública: preservar e coidar o noso medio ambiente”. Os nacionalistas lembran que Outes é o único territorio da contorna que que forma parte da metodoloxía que defende SOGAMA: “O resto dos concellos están incorporados á Mancomunidade Serra do Barbanza, un modelo público en man común creado coa finalidade de facer unha mellor xestión dos residuos e que é un exemplo a seguir no noso país”.

O BNG critica que “estar en SOGAMA implica que os refugallos xerados en Outes teñan que transportarse uns setenta quilómetros até Cerceda, o que contrasta radicalmente coa metodoloxía da mancomunidade, xa que de formar parte dela, os nosos residuos apenas terían que ser transportados uns 13 quilómetros, co que isto implica en aforro de combustíbel, desgaste de vehículos e contaminación”.

En canto á recuperación de materiais para a reciclaxe opinan que “hai unha diferenza abismal”, cos “13,1 quilogramos por habitante ao ano que ofrece o modelo SOGAMA en comparación cos 51,1 quilogramos por habitante que consegue o modelo Barbanza, catro veces máis”.

Tamén salientan que “a porcentaxe de recuperación/reciclaxe da planta de Lousame está arredor do 30% mentres que SOGAMA non chega nin ao 15%”. Outro punto no que poñen o foco é na incineración: “O modelo de SOGAMA queima e enterra o lixo sen ofrecer unhas porcentaxes mínimas de recuperación/reciclaxe mentres que o modelo Barbanza aproveita os restos orgánicos para compost e trata os residuos en proximidade”. E engaden: “Podemos estimar que actualmente Outes está queimando 234 toneladas de lixo innecesariamente, 234 toneladas de lixo anuais que poderíamos reciclar correctamente incorporándonos a un modelo que realmente traballe para preservar e coidar o medio ambiente”.

En base a todo isto, os nacionalistas requiren o cumprimento dos seguintes puntos:

1. Que o Goberno local faga os trámites necesarios para que o concello de Outes se incorpore á Mancomunidade Serra do Barbanza para a xestión de residuos e abandone SOGAMA.

2. Convocar unha comisión aos tres meses de aprobarse esta moción para dar conta dos trámites realizados.

Podemos ver o vídeo feito pola agrupación na que se expoñen os devanditos puntos.