Unha semana máis, e xa van tres seguidas, un xogador do Rotogal Boiro Voleibol forma parte do equipo ideal da xornada da Superliga. Nesta ocasión, trátase de Felipe Benavídez, un dos homes clave para, entre outros logros, a vitoria dos da Cachada o pasado sábado fronte ao Léleman Valencia por 3-0. O deportista arxentino anotou 15 puntos, con dous aces, e tivo unha porcentaxe do 65% na recepción.
A inclusión de Felipe Benavídez no equipo ideal da oitava xornada da Superliga dá continuidade ao acontecido a semana pasada, cando foi o colocador Gaspar Bitar o que formou parte do mellor septeto. Hai quince días, o oposto José Carlos Romero foi designado MVP da sexta xornada e o central Renan Levandoski tamén foi incluído no equipo ideal.
O Rotogal Boiro Voleibol visitará este domingo ás cinco da tarde ao Melilla, equipo que ocupa a terceira posición e que porá a proba a boa serie dos galegos, que acumulan tres triunfos consecutivos.
