Fabiola García e Manuel Ruiz asinan o convenio para a cesión da parcela da nosa residencia de maiores

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, asinaron este 23 de novembro un convenio para formalizar a cesión da parcela que dará emprazamento á nova residencia pública de maiores do concello. A conselleira afirmou que “o sistema de coidados do futuro comeza no Barbanza”. Díxoo na sinatura do dito acordo,engadindo que para a nova construción social “aplicaranse as innovacións do novo modelo residencial”.

Fabiola García explicou que a Xunta investirá 10 millóns de euros neste novo equipamento, que contará con 100 prazas distribuídas en módulos de convivencia 25 residentes, con habitacións individuais e baños adaptados. Ademais, sinalou que o inmóbel “estará dotado de máis tecnoloxía para mellorar o benestar dos usuarios, como se fixo na residencia pública da Estrada”.

Tamén salientou que “contará con zona axardinada exterior, así como o seu privilexiado emprazamento: ao carón da praia de Coroso e do seu paseo marítimo, e preto do hospital comarcal do Barbanza”.

Quilómetro cero

A conselleira asegurou que con este novo centro, Ribeira e a zona do Barbanza “serán o quilómetro cero do novo modelo residencial de Galicia. Unha transformación nos coidados residenciais baseado en tres piares fundamentais: unha maior colaboración dos ámbitos social e sanitario, a incorporación da tecnoloxía ás residencias de maiores, e a introdución de melloras estruturais e arquitectónicas para que os centros sexan verdadeiros fogares”.

Fabiola García, asinará co alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, a cesión da parcela para a construción da residencia piloto do Barbanza.