Este venres dáse a coñecer dende Bertamiráns o palmarés dos V Premios Youtubeiras, co-impulsados dende Rianxo

25 Novembro 2021

Os quintos Premios Youtubeiras van dar a coñecer este venres 26 de novembro o palmarés desta edición. Será nunha gala presentada por Tanxugueiras. Segundo informa a organización (os servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña), os youtubeiros Olanxonmario e Neeumatiko aspiran a facerse cos premios en cinco categorías, Cousxs opta a catro galardóns e O Son das Ideas compite por tres.

A gala, que significa a volta ao formato presencial logo da paréntese do ano pasado, será na Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames) ás 20.00 h. Un total de 35 propostas finalistas aspiran a estes galardóns que reparten 7.500 euros entre as persoas gañadoras das doce categorías. Os premios de canle, youtubeira/o e vídeo contan cunha dotación económica que ascende aos 1.000 euros, mentres que a do resto (calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, didáctico e pioneiro) é de 500 euros. Esa mesma cifra recibirá quen leve o Premio do Público, que se escolle a través dunha votación na Rede.

As deliberacións do xurado, constituído por Fernando Ramallo, Adrián Lede, Noemí García, Sonia Méndez e Esther Estévez, determinaron que Olaxonmario, Neeumátiko e Cousxs sexan finalistas para o Premio Youtubeira/o 2021. Os dous primeiros ademais aspiran, xunto a O Son das Ideas, a facerse co galardón á canle. Na categoría de vídeo, os finalistas son: Por que non entendo o portugués? Co @Portuguese with Leo, vídeo de Olaxonmario; A nova bomba de Tanxugueiras, vídeo de Cousxs, e Educación Franquista, vídeo de Pradorua.

Amais, Olanxonmario aspira en total a facerse cos premios en cinco categorías (canle, youtubeiro/a, vídeo, impacto e creatividade). A cinco galardóns opta Neeumatiko (canle, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto e didáctico) e tamén Cousxs (youtubeiro/a, vídeo, calidade lingüística e premio musical). O Son das Ideas pelexa por tres premios (canle, técnica e creatividade).

Na gala estarán representadas a práctica totalidade das institucións organizadoras dos Premios Youtubeiras, iniciativa que lle dá visibilidade ao uso do galego no Youtube ao tempo que fomenta a creatividade e xera referentes na nosa lingua dun axente con gran repercusión social no mundo dixital como son os/as youtubeiros/as.

Así, á entrega de galardóns asistirán o alcalde de Ames, Blas García; do Grove, José Antonio Cacabelos Rico; o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez; a deputada de Igualdade e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño, ou a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, Escarlata Pampín.

Por parte do Concello de Santiago, está previsto que acudan Rubén Prol, concelleiro de Políticas Lingüísticas, e Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural, e dende o de Pontevedra, Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística. Ribadeo estará representado pola súa concelleira de Cultura e Consumo, Pilar Otero Cabarcos, mentres que dende Teo asistirá María López Álvarez, concelleira de Igualdade, Cultura e Educación.

A concelleira de Política Social, Emprego, Educación, Cultura e de Deportes, Mónica González Blanco, representará A Baña, mentres que de Negreira estarán a concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, Mar García Vidal, e a concelleira de Educación e Sanidade, Teresa Douro Leis. Ames contará tamén co seu concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, e por parte de Moaña asistirá o seu concelleiro de Normalización Lingüística, Aldán Santamarina.

Quen queira reproducir os vídeos aspirantes pode facelo a través da información previa sobre Youtubeiras publicada dende este medio.

Tanxugueiras nunha imaxe de Rocío Cibes

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Relevo en Portugal”. José Castro López

“Relevo en Portugal”. José Castro López

Comparto con muchos gallegos una vieja querencia por Portugal. Nos une la geografía, la historia y también algo tan profundo como la afinidad de carácter y una manera de entender la vida. Admiro su paisaje y sus monumentos, su cultura y su gastronomía, su hospitalidad...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.