En Noia, os operarios traballan para pór a punto o novo treito da senda peonil até Talleraco

O Concello de Noia informou dunha lixeira demora na posta a disposición da cidadanía da nova senda peonil costeira do termo municipal, que vai dende o final do paseo marítimo local en Abruñeiras até O Talleraco. Segundo confirmou o equipo de Goberno local, houbo que adiar a inauguración do novo treito debido a que os operarios están a completar uns “últimos detalles” para rematar a obra.

Detalles do proxecto

Os días pasados o Goberno noiés lembrou que a habilitación do novo treito da senda, que supón un investimento de preto de 60.000€ por parte de Costas de Galicia e o Concello, será completada coa instalación do alumeado nos vindeiros meses. A nova senda peonil, de 2,5 metros de ancho, inclúe unha área de lecer.

A idea foi prolongar o paseo marítimo de Noia, que se viña interrompendo na zona de Abruñeiras, e darlle continuidade até as proximidades da ponte da variante sobre a ría.