Cristina Pichel visitou CONGALSA ao abeiro das actividades de Xuventude Mentoring

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou na mañá deste 23 de novembro a sede principal de CONGALSA, punteira empresa de produtos do mar emprazada no Polígono da Tomada na Pobra. Pichel acudiu ás instalacións da firma na compaña dunha vintena de mozas e mozos, participantes no programa Xuventude Mentoring, que ten por obxecto achegar formación e asesoramento para “mellorar as oportunidades de emprego da xente nova”.

Cristina Pichel explicou que con esta iniciativa búscase “axudar á mocidade na transición da vida académica ao mercado laboral”, así como “amosar ás empresas todas as capacidades e o talento que posúen as mozas e mozos galegos”. Para conseguilo ofrécese aos participantes o apoio directo de expertos, empresarios e profesionais con experiencia que actúan como mentores.

Segundo lembrou Pichel, CONGALSA é unha das entidades que forman parte desta iniciativa (xunto con proxectos sociais, empresas, asociacións empresariais e clústeres) que a Xunta desenvolve en colaboración co Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG) e as tres universidades galegas.

Na visita deste 23 de novembro participaron directivos da compañía pobrense, que explicaron aos mozos o funcionamento da factoría.

Máis oportunidades laborais

Nesta primeira edición de Xuventude Mentoring preto de 200 rapaces recibirán, durante tres meses, formación, seguimento e mentorías. Tamén desenvolverán distintas actividades, como visitas a empresas ou sesións de networking, para axudarlles a impulsar a súa rede de contactos e achegarlles máis oportunidades laborais.

A Administración autonómica inviste 450.000 euros nesta proposta formativa, co-financiada pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e polo Fondo Social Europeo, e destinada a persoas mozas tituladas que acaban de rematar os seus estudos.