As Amas de Casa de Ribeira participaron nunha andaina contra a violencia de xénero

A Asociación de Amas de Casa de Ribeira participou este pasado sábado día 13 de novembro na andaina promovida desde AGADER cos Grupos de Desenvolvemento Rural e Igualdade da Xunta de Galicia, co obxectivo de “facer unha acción conxunta en contra da violencia de xénero”, no marco das actividades incluídas neste 25-N.

A iniciativa colectiva incluíu en primeira instancia unha xuntanza en Padrón, onde se procedeu á entrega dunha peza co lema da andaina (O rural contra a violencia de xénero) a todas as participantes. A continuación, iniciouse a andaina en si mesma: un percorrido duns cinco quilómetros polo Camiño Portugués desde Padrón á Escravitude.

Ao remate do camiño, na sede da Asociación Deloa, procedeuse á lectura dun manifesto conxuntamente cos demais grupos GDR, a través de vídeo conferencia, por parte da presidenta de Amas de Casa de Ribeira Puri Cores, persoa elixida pola xunta directiva de Deloa como representante ao ser a de Ribeira a única asociación de mulleres que pertence á mesma.