A Asociación Ambar das persoas con diversidade funcional vén de instalar no seu centro de atención diúrna un sistema de apoio nas duchas e aseos adaptado, grazas ao financiamento da confederación galega COGAMI. A subvención foi de 5.635,41 euros.
O obxectivo principal da instalación foi promover a autonomía persoal das persoas usuarias do servizo de atención diúrna de Ambar facilitando os produtos de apoio necesarios para realizar actividades da vida diaria e previr situacións de emerxencia.
O proxecto enmárcase dentro da Liña IV: Proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores ou con discapacidade e na área de actuación A adquisición de subministracións, equipamentos e vehículos que faciliten a prestación de servizos a persoas maiores, dependentes ou persoas con discapacidade. Esta é a liña de axudas procedente da contribución da declaración da renda de todos os contribuíntes de COGAMI.

Atendendo a unha necesidade concreta
A instalación deste tipo de equipamentos xurdiu dunha necesidade específica, ao detectarse que nos aseos non se dispuña dun sistema de emerxencia que puidera ser accionado polas propias persoas usuarias. Por outra banda malia que as duchas contan con medidas axeitadas de accesibilidade, non dispoñen dos produtos de apoio necesario para facilitar a autonomía persoal: barras asideiras, asentos homologados e baldas para o material de aseo.
As instalacións de Ambar están deseñadas dende criterios de accesibilidade universal para dar resposta as distintas necesidades que presentan as persoas usuarias dos servizos. “Malia todo”, explican fontes da asociación con sede principal en Ribeira, “foi necesario mellorar e actualizar a seguridade e mellora da autonomía nos servizos hixiénicos para que puideran ser utilizados cun meirande grao de autonomía polo maior número de persoas e preservando a seguridade e intimidade das mesmas”.
A entidade engade que a día de hoxe “máis do 65% da persoas usuarias conseguiron mellorar a súa autonomía nas actividades básicas da vida diaria realizadas no centro de recursos”. Así, instaláronse 10 premedores de emerxencia con avisador luminoso e unidade de xestión nos aseos; 28 barras, 8 asentos homologados e 12 baldas.