A Xunta inviste medio millón na limpeza forestal de Carnota

29 Novembro 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, supervisaron hoxe as execucións subsidiarias de xestión da biomasa que se están levando a cabo no concello coruñés de Carnota. Uns traballos nos que a Xunta investirá un total de 554.000 euros co obxecto de deixar limpas de maleza e de arborado prohibido pola Lei de incendios (piñeiro, eucalipto e acacia) unha superficie de 192 hectáreas situadas en franxas secundarias, isto é, nos 50 metros máis próximos ás vivendas.
O conselleiro recalcou que, en calquera caso, estes cartos serán repercutidos aos propietarios pertinentes porque -segundo dixo- todos debemos cumprir a lei co obxectivo de anticiparnos aos incendios forestais. Estas execucións subsidiarias comezarán en seis concellos galegos elixidos pola recorrencia de lumes e porque tiñan avanzadas as revisións da empresa pública Seaga nas parroquias non priorizadas. En concreto, estes labores en Carnota súmanse aos xa iniciados nos municipios ourensáns de Cualedro e Monterrei e no pontevedrés de Gondomar. Tamén se iniciarán proximamente estes traballos nos concellos ourensáns da Gudiña e Lobios.
Nesta liña, o titular de Medio Rural quixo lembrar que, segundo os últimos datos aportados polo convenio de protección das aldeas subscrito coa Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e con Seaga, ao que xa están adheridos 273 concellos, máis do 65 % da superficie incluída no acordo está xa xestionada, isto é, limpa de biomasa forestal.
Así, sumando as 157 parroquias priorizadas de 81 concellos e as non priorizadas revisadas ata o momento, o número de parcelas inspeccionadas rolda o medio millón. Canto á superficie, a total revisada aproxímase ás 30.000 hectáreas e a xestionada aproxímase ao 65 % do total.

Competencia municipal

José González matizou que esta xestión da biomasa é unha competencia municipal, pero que a Xunta decidiu colaborar cos concellos na súa execución, no marco da cooperación interadministrativa que require un tema tan importante como é a anticipación aos incendios forestais.
Nesa liña, o Goberno galego xerou e remitiu aos concellos unhas 200.000 notificacións e publicacións tanto das parroquias priorizadas como das non priorizadas, para que estes consistorios, unha vez asinadas, as remitan aos propietarios instando á limpeza. No caso de Carnota, tras a revisión da xestión da biomasa realizada polos supervisores da Xunta –en toda Galicia traballan 45 profesionais–, remitíronse ao Concello un total de 5.582 comunicacións instando á correcta limpeza nestes predios.
Por último, o conselleiro do Medio Rural salientou que o pasado venres publicouse no Diario Oficial de Galicia a declaración en Carnota dun Perímetro de Alto Risco de Incendios (Pari), ao abeiro do devandito convenio de protección das aldeas, cunha superficie de preto de 12 hectáreas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...