
O Mercado Municipal de Muros acollerá entre o 16 e o 18 de outubro (de venres a domingo) a edición 2026 do Culturgal Expandido, coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Muros.
O programa inclúe actividades para todas as idades e a presenza de artistas e creadores locais, como o grupo Lisdexia e o escritor Samuel L. París, ademais de concertos, conversas literarias, programación infantil e baile tradicional.

“Este Culturgal Expandido quere unir a enerxía cultural galega coa enerxía cultural dunha vila como Muros cun obxectivo final, que non é outro que divertirse”, asegura Camilo Franco, director do Culturgal. Todo o programa é gratuíto.
Programa

O Culturgal Expandido comeza o venres 16 co autor, director teatral e narrador Candido Pazó (19:00 horas), para dar paso ao recital Todos poetas menos o capitán, de Samuel L. París, e un concerto poético de Silvia Pena e Jesús Andrade.
O sábado pola mañá, programación infantil con O Lobo Feliz, de Miguel Guido, e Menú de Contos, de Charo Pita.

Pola tarde, conversa literaria con Marga Tojo, Diego Ameixeiras e Carlos Lixó, concerto de Lisdexia (20:00 horas) e o espectáculo Da vara e mais da besta, de Lois Pérez e Secho.

O domingo chega a quenda do baile tradicional, cun obradoiro para todos os públicos co bailarín e coreógrafo Artur Puga, antes do fin de festa do Vén e Baila, cun chamamento a toda a veciñanza de Muros para bailar con Puga e Os Enxebres.




