A última e definitiva etapa da Regata ALCA, este sábado na Pobra

04 Novembro 2021

O Club Náutico Arousa Norte (A Pobra do Caramiñal) dará a saída este sábado 6 de novembro á definitiva manga da Regata ALCA, organizada pola dita entidade deportiva. A frota composta por unhas 15 embarcacións xogarase a última carta nun percorrido polo interior da ría de Arousa en formato inverso, un tipo de regata que se caracteriza por compensar os tempos das embarcacións antes da saída, é dicir: os barcos sairán de xeito escalonado en función da súa velocidade teórica. “Isto”, explican dende o Club, “permitirá ver unha chegada moi igualada entre todas as embarcacións nas inmediacións do espigón pobrense, o que se espera contribúa á espectacularidade da proba”.

Fixius, de Miguel Perez-Lafuente, chega líder na clase cruceiro regata a esta última manga

O Club engade que o parte meteorolóxico augura unha xornada ideal para a práctica da vela, con ventos do primeiro cuadrante de entre 10 e 15 nós que farán que a frota navegue a altas velocidades.

Na clase Regata, o Chispetrén, con Jesús Iglesias á roda, do Náutico Arousa Norte, chega líder e con mais de medio trofeo no peto, pero os seus rivais non llo porán doado e pelexarán polo podio veleiros como os vilagarciáns Mus e Santanas ou o Alpha do CN Rianxo.

Na clase cruceiro-regata a igualdade é absoluta con 3 barcos empatados na primeira posición e

calquera podería levar o trofeo. Embarcacións como o Fixius, actual líder, o Piolín, o Sempre Volve, A Píllara ou o Cámping Ría de Arousa tentarán subirse todos o máis alto do caixón.

Na clase cruceiro un só punto separa ao Orlando, de Gerardo Sánchez, agora líder, do segundo

clasificado o Galopín, de Manuel Franco. O Piko Norte, terceiro en discordia, pode facer de xuíz na

contenda xa que se atopará con condicións de vento a priori favorábeis.

Ao finalizar a proba realizarase a entrega de trofeos nas instalacións da mariña.

Outros artigos

En Ribeira o Concello renova equipamento no ximnasio da Fieteira

O Concello de Ribeira, a través da Área de Deportes, informou da renovación do peso libre e as bancadas no ximnasio do Complexo Deportivo da Fieiteira. Dende o dito departamento sinalaron que a substitución veu motivada debido a que o anterior material estaba bastante...

+

A enseada da Pobra dará a saída á Liga de Cruceiros Ría de Arousa

A unión entre os clubs máis representativos na escena cruceirista de Arousa vai facer posíbel que un ano máis se celebre a clásica regata invernal na ría. Os clubs Arousa Norte (A Pobra ), Ribeira, Rianxo e o centenario Real Club de Regatas de Galicia (Vilagarcía)...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión