A operadora Avatel iniciou en Ribeira o espallamento provincial da súa fibra óptica

Este martes 16 de novembro tivemos ocasión de coñecer en Ribeira as liñas de traballo dunha nova operadora de telecomunicacións que irrompe con forza na nosa comarca: a compañía Avatel, que recala na provincia da Coruña despregando rede de fibra óptica avanzada no devandito concello do Barbanza. A sede da operadora en Ribeira, na céntrica rúa de Galicia, acolleu unha xuntanza de traballo co alcalde Manuel Ruiz que serviu para mostrar os seus obxectivos de cobertura na contorna, uns obxectivos que a empresa está xa a materializar con investimento propio.

Avatel recordou ao rexedor que se trata do quinto operador de España e que “é líder do segmento rural”. A súa folla de ruta en Ribeira incluíu, de partida, despregar banda larga no concello para máis de 5.000 fogares e empresas.

Os responsábeis da operadora destacaron a súas raíces galegas e fixeron un percorrido polos seus dez anos de traxectoria, cunha ampla bagaxe no subministro de conectividade a Internet mediante conexións de gran capacidade a pequenas e medianas localidades de boa parte do territorio estatal.

O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, que visitou as instalacións da empresa na localidade acompañado pola primeira tenente de alcalde María Sampedro, e a directora de Tendas de Avatel, Paola Mirasol, agradeceu que esta operadora elixise Ribeira como “o primeiro municipio da provincia en implantar os seus servizos” e destacou que “esta apertura vai contribuír a satisfacer unha necesidade nestes días como é que os veciños dispoñan de Internet de alta velocidade, incrementando a súa calidade de vida”.

Prezos competitivos

En Ribeira e Palmeira Avatel xa creou “unha infraestrutura completamente nova financiada con fondos da propia empresa”. En concreto, 5.080 vivendas e empresas poden gozar xa da conectividade de banda larga que proporciona a fibra da operadora. Ademais esta facilita telefonía fixa, móbil e contidos de televisión, así como servizos avanzados para empresas “a prezos competitivos”, sinalaron os seus responsábeis dende a súa sede de Ribeira, engadindo que para o dito despregue de rede, no que se traballa dende o mes de abril de 2021, empregáronse canalizacións existentes (“sempre que foi posíbel”) para “minimizar as molestias aos veciños”. Tras esta primeira fase a operadora ten previsto seguir ampliando a súa rede na localidade ribeirense.

Os responsábeis da empresa, na súa xuntanza co alcalde, tamén salientaron a aposta da firma pola creación de emprego e por contar con presenza física de seu na cidade (onde abriron tenda na rúa de Galicia e onde contrataron técnicos e comerciais para fortalecer a súa pegada no Barbanza). “Nacemos como operador local e distinguímonos pola proximidade e proximidade aos nosos clientes, por iso temos punto de venda, un lugar onde atendelos e escoitar as súas necesidades”, sinalaron.

Proximidade e tecnoloxía

Ter unha conexión de banda larga resulta imprescindíbel hoxe “para que unha poboación sexa máis competitiva”, e, tamén, “para que os seus cidadáns poidan teletraballar, facer videochamadas ou compras en liña, entre outras operacións cotiáns”, sinalou a directora de Tendas de Avantel, Paola Mirasol, engadindo que “temos por diante novos saltos tecnolóxicos e a fibra óptica é a base para afrontalos”. Segundo dixo, a intención da empresa é acadar que localidades como Ribeira estean “na vangarda poidan desenvolver iniciativas innovadoras”.

A nivel técnico, Mirasol destacou algúns dos puntos especialmente fortes da compañía, como a súa rede de fibra óptica FTTH (ou fibra até o fogar nas súas siglas en inglés), que achega “a conectividade terrestre máis avanzada existente na actualidade no seu ámbito de acción” e que permite, entre outras cousas, “que a velocidade de subida e baixada sexan iguais e cunha gran estabilidade, co que os datos se transmiten sen perdas”. Isto, dixo, “resulta fundamental para potenciar o turismo, a actividade de calquera peme e tamén para mellorar a calidade de vida de moitas persoas, dado que cos avances dos dispositivos conectados cada vez contamos con máis elementos que nos axudan ou nos dan información sobre a nosa saúde”.