Ribeira rende homenaxe ás Vítimas da COVID cun monumento inaugurado este sábado

Un monumento na memoria das vítimas do covid levántase dende hoxe na praza de España de Ribeira. A iniciativa estivo promovida pola Asociación de Amas de Casa coa colaboración do Concello e con motivo da súa inauguración acaba de ter lugar un sentido homenaxe aos falecidos pola pandemia ao que se sumaron centos de veciños e veciñas. Entre outros, o alcalde Manuel Ruiz, a presidenta de Amas de Casa Puri Cores; o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor; membros da Corporación, representantes da Policía Local, Policía Nacional e Garda Civil e un longo etcétera.

A presidenta das Amas de Casa, Puri Cores, descubre a placa en memoria das vítimas da Covid acompañada do Alcalde Manuel Ruíz

Logo de principiar o evento co himno de Galicia, Puri Cores e Manuel Ruiz descubriron unha placa conmemorativa na
base do monumento baixo os acordes do Himno de Alegría de Beethoven para dar paso a continuación á intervención de Miguel Alamancos, director da residencia da terceira idade de Ribeira, quen remememorou a experiencia do confinamento: “Víamos atónitos por televisión como milleiros de persoas perdían a vida polo covid-18”, exclamou antes de relatar como se loitou contra a pandemia na residencia ata que, pouco despois de Fin de Ano, o virus entrou no centro e foi entón cando o persoal sacou o mellor de si mesmo, dando unha “lección de vida que non podemos esquecer”. “Todos os residentes que faleceron son unha espiña no noso corazón e quedarán sempre na nosa memoria”, concluíu.

Ofrenda floral en memoria das vítimas da Covid

Ofrenda floral
Acto seguido, Ruiz, Cores e Trenor efectuaban unha ofrenda floral diante do monumento mentres a soprano viguesa Beatriz Riobó, acompañada do seu cuarteto de corda, cantaba “Negra sombra”. Puri Cores tomou entón a palabra para transmitir un mensaxe de solidariedade e apoio na dor daquelas persoas que perderon algún ser querido por mor do covid e expresou tamén o agradecemento da asociación a todas as persoas que combateron contra esa lacra. “No nos olvidemos que fallecieron cinco millones en el mundo. Vaya por ellos este homenaje”, rematou o seu discurso.
Gonzalo Trenor expresou o agradecemento e a admiración da Xunta por esta iniciativa, lembrou que por mor desta pandemia que “estremeceu ao mundo” morreron en Galicia máis 2.600 persoas e apelou a “coidarnos para coidar aos demais” e a “remangarnos porque outra pandemia nos asexa: a recuperación económica”.

Concluíu a rolda de intervencións o alcalde Manuel Ruiz, quen agradeceu este homenaxe ás vítimas ideado por Amas de Casa, un dos primeiros que se celebra en Galicia. Fixo fincapé en que todas as vivencias deste último ano e medio téñenos que servir como sociedade: para pensar nos demais, non deixara a ninguén atrás e ter sempre presente que a fortaleza dunha sociedade é a súa unidade. A este respecto, proclamou o orgullo que sinte por ser Ribeira un lugar
aberto e multicultural no que os seus veciños acollen a quen vén de fora como un ribeirense máis. Por último, tivo palabras para todos os que loitaron para que as consecuencias deste virus foron as menores posibles, como o sistema sanitario ou as forzas e corpos de segiridade.

Minuto de silencio durante o acto de homenaxe ás vítimas da Covid en Ribeira

Para concluír, os presentes gardaron un minuto de silencio, Riobó entonou “Hallelujah” de Leonard Cohen e o himno de España puxo fin ao evento, que foi conducido pola presentadora Belén Xestal.

A Presidenta das Amas de Casa de Ribeira, Puri Cores, o Alcalde de Ribeira Manuel Ruíz e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor no acto en memoria das vítimas da Covid-19 en Santa Uxía de Ribeira

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor participou tamén, na homenaxe ás vítimas da covid-19 que tivo lugar en Ribeira no que se descubriu un monumento e se gardou un minuto de silencio en memoria de todas as persoas falecidas durante a pandemia.

O representante do Goberno autonómico destacou que “este acto rende homenaxe aos miles de persoas que morreron por mor da Covid-19 durante este ano de loita incansable, compartindo a dor dos seus familiares e seres queridos” e subliñou que “a batalla non rematou. Hai que ser conscientes de que hai que seguir unidos e sobre todo respectando as recomendacións sanitarias. Temos que pensar nos que faleceron, e tamén nos profesionais sanitarios que deixaron as súas vidas na loita. Ese esforzo non pode quedar en balde”.

Acto en memoria das vítimas da Covid-19 na Praza de España en Ribeira

Trenor felicitou a asociación de Amas de Casa e ao Concello pola iniciativa e destacou que “cada vez que miremos este monumento podemos sentirnos orgullosos pola responsabilidade da que deu mostra o conxunto dos galegos e concretamente os veciños de Ribeira neste tempo tan duro e difícil”.