A tenor das queixas presentadas pola ANPA do CEIP de Palmeira ante a Valedora do Pobo, o Executivo de Ribeira emitiu un comunicado público no que expresa a súa opinión sobre estes feitos, comezando por criticar a actitude da xunta directiva da asociación (ou “parte dela”), que, segundo sinala o Concello, “responde antes a buscar o enfrontamento contra quen ostenta o Goberno local que á efectiva defensa do ensino e os seus intereses”.
E engade o Concello:
“Causa estupefacción que, unha vez máis, en lugar de dirixir as súas reclamacións a quen ten a competencia en educación (a Xunta de Galicia) arremeta contra o Goberno local, que sempre evidenciou a súa disposición a erixirse en interlocutor entre os centros docentes do municipio e a administración autonómica á hora de que se escoiten as súas necesidades e demandas”.
O Concello lembra no comunicado que “a directiva desta ANPA presentou senllos escritos no rexistro do Concello con datas de 11 e 18 de setembro e un mes despois decide elevar sendas queixas ante a Valedora do Pobo sen que transcorra apenas un terzo do prazo legalmente establecido para dar resposta (tres meses)”. O Goberno ribeirense recorda tamén que “nun dos escritos solicítase información sobre as medidas tomadas ata o momento para dar cumprimento ao acordado no pleno municipal do 3 de agosto”. E engaden dende o Consistorio: “Cómpre aclarar non só que do contido deste acordo foron informadas as instancias competentes senón que ademais o alcalde efectuou xestións persoalmente co Xefe Territorial de Educación, co Director Xeral de Centros e co Conselleiro de Educación”. O Concello engade que “a resposta recibida é que en Educación Infantil do CEIP de Palmeira cúmprense as ratios, nin máis nin menos que no resto de centros educativos de Galicia, pois aplicar un trato diferencial sería discriminatorio, e que ademais este colexio conta dende o presente curso cunha aula máis en Educación Primaria (algo que, por certo, non sae á palestra nos comunicados e comparecencias públicas da directiva da ANPA)”.
No comunicado engádese que “esta directiva enviou ademais ao Concello un segundo escrito o 18 de setembro reclamando a realización inmediata dunha serie de obras de canalización de augas e beirarrúas na contorna do centro educativo; tamén ao respecto desta solicitude os representantes da ANPA acaban de formular unha queixa ante a Valedora do Pobo, pese a que, como en calquera outra obra, a execución dunha actuación destas características require previamente que teña asignación orzamentaria, que se redacte o proxecto técnico e que se active o oportuno proceso de contratación e adxudicación, algo absolutamente inviable nos vintetantos días transcorridos”.
O Goberno municipal de Ribeira (que recorda que “xa comunicou á súa resposta á Valedora do Pobo e tamén á fará chegar á directiva da asociación”), quere mostrar “a súa plena disposición a seguir escoitando as reclamacións e inquedanzas que de boa fe teñan as ANPAS do municipio e a seguir facendo cantas xestións sexan oportunas coa Xunta de Galicia para beneficio da comunidade educativa do municipio, tal e como se veñen de conseguir con importantes inversións para mellorar as infraestruturas dos colexios de Artes, Frións ou Heroínas de Sálvora en Aguiño”.