O Concello de Boiro informou da súa intención de seguir mellorando as instalacións do complexo deportivo da Cachada, que segundo indica o Goberno local, presenta numerosas eivas nalgúns dos seus elementos, deficiencias que se arrastran dende hai anos e ás que cómpre pór remedio, sinalou. Así, despois de realizar obras de reaparición na cuberta do pavillón e os falsos teitos da entrada da instalación e o vaso da piscina, están pendentes unhas actuacións para a renovación integral dos baños e vestiarios da instalación.

Estas eivas víronse agravadas polo peche das instalacións durante a pandemia, que motivou a realización de importantes obras de posta a punto e renovación xeral das instalacións, “que se atopaban nun estado de total abandono e que non reunían as condicións axeitadas de seguridade e hixiene para a práctica de deporte”, en palabras do Concello, que lembra que “mentres non se completen as actuacións necesarias para o seu correcto funcionamento a instalación está pechada ao público xeral, pero están facendo un uso puntual das súas dependencias para os adestramentos o Club de Voleibol e o Club de Natación”.
Neste senso, o Goberno boirense informou de que o arquitecto municipal realizou xa un proxecto para a renovación dos vestiarios e baños da Piscina Municipal da Cachada, dun orzamento total de 276.199,91 euros, e que comprende a renovación dos vestiarios do andar baixo de acceso á piscina climatizada; dos vestiarios do semi-soto da pista deportiva; os vestiarios específicos para árbitros da planta semi-soto e dos baños públicos tamén do semi-soto.
Amais, o Concello recorda que nos últimos meses realizáronse na instalación actuacións para o acondicionamento xeral do inmóbel tales como a mellora da cuberta e falsos teitos da piscina municipal para eliminar pingueiras; a reparación da cuberta do polideportivo para eliminar as filtracións de auga que afectaban ao chan de madeira; a maquinaria de deshumidificación; a renovación do sistema de filtrado da auga; a mellora da iluminación; e o aumento das gradas. O importe das actuacións realizadas ata o momento ascende 200.000 euros.
A maiores, segundo fontes municipais, os espazos pendentes de renovar presentan “unha importante obsolescencia funcional nos falsos teitos, que tiveron que ser xa retirados polos operarios municipais por risco de desprendemento”. Por outra banda, o chan “non garante unhas axeitadas condicións hixiénico- sanitarias” e a iluminación resulta “deficiente” e “non está adaptada a ambientes húmidos”. A maiores, explica o Concello, as duchas non están preparadas para as necesidade reais das persoas usuarias. “Queremos que a instalación quede completamente renovada e acondicionada para a súa reapertura ao público e que tanto os veciños e veciñas de Boiro como os clubs deportivos que adestran no complexo dispoñan dunha infraestrutura e uns servizos dignos para a práctica de deporte”, recoñeceu a edil Dores Torrado, engadindo que o Concello traballa agora para rematar as actuacións pendentes no complexo e “que se poida retomar o servizo que se presta á veciñanza”. O obxectivo é que o complexo quede “totalmente renovado” sexan emendadas as deficiencias acumuladas durante anos para volver abrir ao público e prestar servizo á veciñanza.