O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira vén de dar a forma a unha proposta detallada para esixir ao Concello e máis á Xunta a resolución dos problemas de transporte público que afectan ao termo municipal e, en xeral, á nosa contorna. De xeito complementario, este mes de outubro a agrupación puxo en marcha unha recollida de sinaturas a nivel local para mellorar o servizo. Dende o BNG aclaran a súa intención de non ficar cos brazos cruzados “ante os atrasos que sofren os usuarios, os buses masificados aos que non poden subir, os autobuses que non pasan ou a falta de información xeneralizada”.

Lembran que malia a posta en marcha do Plan de Transporte de Viaxeiros por Estrada lanzado pola Xunta hai uns meses cun investimento de 9,3 millóns de euros ao ano, “non se mellorou o servizo prestado e, ademais, os problemas na liña XG-847 correspondente coa comarca da Barbanza están a sucederse provocando un forte malestar social e un problema para as persoas que teñen que coller o transporte público”. Na súa opinión, este tipo de mobilidade é “servizo esencial para garantir que as persoas poidan desprazarse no territorio ou que poidan acudir ao traballo ou mesmo ao médico”, pero tamén “debe ser unha prioridade coa que reducir o uso do vehículo privado e a contaminación atmosférica”. Segundo os nacionalistas, “apostar polo transporte público, sen dúbida, tamén melloraría o caos de tráfico e a falta de estacionamentos que actualmente Ribeira padece por mor da mala planificación feita polo Partido Popular”.
A deputada no Parlamento, Rosana Pérez, cre que “estamos ante un PP e unha conselleira de Infraestruturas e Mobilidade que seguen coa súa política de propaganda pois chegan a dicir, sen rubor algún, que se incrementaron un 40% do número de rutas e un 70% as paradas. Está claro que os membros do Partido Popular non son usuarios do transporte público porque do contrario saberían que esas declaracións non son reais” lamentou.
Pola súa banda, o concelleiro Luís Pérez Barral, detallou que “están a ocuparse os autocares na súa totalidade con escolares provocando, na práctica, que as persoas que desexan coller o autobús non poidan facelo provocando que deban agardar ao seguinte autobús porque o que pasa vai con todas as súas prazas cubertas”. Amais, dixo, “os autobuses non teñen a capacidade para trasladar a todo o alumnado polo que é habitual que unha parte da mocidade que vive en Corrubedo, Olveira ou Artes teña que agardar para poder ir para a casa ao autobús que vén da Pobra. Este caso tamén se dá de maneira ocasional coa mocidade que vive en Aguiño”.

Pérez Barral, explicou que “tanto as persoas usuarias como o propio persoal da empresa de transporte lle teñen trasladado ao BNG que os autobuses se atrasan ou mesmo non chegan a pasar nos horarios indicados por Monbus porque o tempo estipulado para facer o servizo é totalmente insuficiente”. Neste senso, o concelleiro esgrime o que considera “dous exemplos ilustrativos”: o traxecto Ribeira-Noia (que, segundo o horario establecido por Monbús, faise en 45 minutos, “algo imposíbel para un autobús”) ou o traxecto Aguiño-A Pobra do Caramiñal (“que sofre considerábeis atrasos nas horas punta, dado o maior volume de vehículos que hai na estrada”, explicou).
Segundo Pérez Barral, outro dos problemas importantes é o “problema de accesibilidade” que xerou a retirada de todos os autocares urbanos que prestaban servizo “porque os actuais, máis altos e con máis escaleiras, está provocando serios inconvenientes a persoas maiores, persoas que presentan algún grao de discapacidade física ou mesmo a calquera persoa cun carro de crianza ou de compra”.
Pola súa banda, a deputada Rosana Pérez, explicou que hai un importante número de persoas que traballan en Santiago e viven na comarca da Barbanza e que rematan a súa xornada laboral ás 15:00 horas: “Neste caso, vense obrigadas a tomar un autobús urbano ata a estación intermodal onde o autobús que vai para Ribeira sae ás 15,20 horas. É practicamente imposíbel collelo e, polo tanto, é obrigado ter que agardar polo seguinte” agregou Pérez Fernández. Ademais, dixo, “os sábados non existen autobuses directos Ribeira-Santiago, cando si os había coa anterior concesionaria”. E engadiu: “A viaxe indirecta dura case dúas horas, de maneira que o autobús que sae de Ribeira ás 8:00 da mañá chega a Santiago ás 10:00 horas, con atraso para calquera traballo que comece ás 9:00 horas”.
O BNG lamenta que a Tarxeta Xente Nova lanzada pola Xunta, “no canto de ofrecer á xente moza e ás persoas maiores as viaxes de maneira gratuíta, obrígalles realizar o pagamento por adiantado e voltar ao mes seguinte a un caixeiro para recuperar os cartos das viaxes realizadas”. Este sistema, engade, “dificulta a recuperación dos cartos e por riba fomenta a colaboración cunha entidade bancaria que cada vez conta con menos persoal e con menos oficinas de atención ao público”.
Respecto da situación das e dos traballadores da concesionaria Monbus, a deputada galega explicou que “é completamente precaria” por diversos motivos: “Non se cobren as baixas nin as vacacións dos condutores e condutoras polo que este traballo teñen que realizalo outros compañeiros e compañeiras en activo facendo máis horas das que lle corresponden, decrétanse xornadas de traballo partidas sen motivos aparentes ou nin se lles deixa tempo durante o tempo de traballo para ir ao baño”.