A Deputación da Coruña inaugurou en Ribeira a súa mostra sobre o escritor Ricardo Carvalho Calero, homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020. A exposición forma parte dun programa conmemorativo que algunhas institucións e entidades, como por exemplo a Deputación, quixeron prolongar máis alá de 2020, co obxectivo de permitir a máxima divulgación alén do ano máis crítico da pandemia.
Na inauguración da mostra que percorre a obra do autor ferrolá, máximo representante do movemento reintegracionista (que promulga unha unión cultural e idiomática máis estreita con Portugal), participou a deputada de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño, acompañada de diversos membros da Corporación municipal de Ribeira, como a primeira tenente de alcalde, María José Sampedro, e os concelleiros Ramón José Doval, Víctor Reiriz, José Manuel Vilas e Xosé Cobas.
A exposición ficará visíbel “a ceo aberto” na explanada do porto de Ribeira.
Trátase da mostra coa que o ente provincial homenaxea o autor ao que o pasado ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas e cuxa celebración quedara “desdebuxada” por mor da irrupción da pandemia e as restricións que a COVID desencadeou.
En Ribeira, a apertura da exposición estivo acompañada por unha actividade complementaria organizada desde o Concello e que consistiu nun contacontos relativo a Ricardo Carvalho Calero co fin de difundir o seu legado entre a comunidade escolar.
Na súa visita, María Muíño fixo fincapé en que “esta iniciativa nos permite abordar a figura deste autor dun xeito autobiográfico pero tamén conectando a súa traxectoria con fitos relevantes na historia do país”, ao tempo que indicou que “ao optar por un formato de exposición que pode visitarse a pé de rúa tamén pretendemos facilitar que a difusión chegue ao maior número de públicos posible”.
A exposición, a través de trece expositores permite percorrer outras tantas etapas da vida de Carvalho Calero, facendo especial fincapé no legado do autor ao que o pasado ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas. Así, nestes trece paneis pódese visitar a traxectoria vital e profesional do autor, desde o seu nacemento en Ferrol até o peche co titulado Mestre de Compromisos onde se fai mención ás distintas homenaxes que recibiu antes do seu falecemento e tamén se recolle unha imaxe do alumnado da primeira promoción de Filoloxía galego-portuguesa da que foi profesor.
A mostra, concibida desde a filosofía da itinerancia co fin de chegar a diferentes puntos da provincia, iniciara o percorrido en Ferrol por se o lugar de nacemento do propio Ricardo Carvalho Calero. Agora, permanecerá exposta en Ribeira ata o día 18, para despois viaxar ata Betanzos, onde poderá visitarse ata o 28 de outubro, para trasladarse posteriormente a Sada (entre o 28 de outubro e o 15 de novembro), Melide (do 15 ao 29 de novembro) e Rianxo (do 20 de xaneiro ao 3 de febreiro de 2022).