Até 21 filmes nacionais e internacionais pasarán polo Festival Mares da Fin do Mundo de Outes

22 Outubro 2021

Outes será este outono unha das grandes capitais do audiovisual na súa vertente máis comprometida, sustentábel e activista. Serao grazas á cuarta edición da Mostra Internacional de Cinema Documental, Martes da Fin do Mundo, organizada polo Concello. Desenvolverase entre o 29 de outubro e o 1 de novembro, referendando a aposta xa consolidada nas anteriores edicións: crear un referente mundial no xénero documental e, máis en concreto, na vertente artística e creativa máis envorcada co medio ambiente mariño e a pesca sustentábel. Os detalles do certame foron dados a coñecer este 22 de outubro polo alcalde Manuel González López, e o director da mostra, o realizador Marcos Gallego Fernández.

Segundo fixeron saber, MDFDM2021 presenta “unha nova estrutura de proxeccións”, exhibindo un total de 21 filmes nacionais e internacionais nas súas diferentes seccións. Estas proxeccións desenvolverase polas tardes no auditorio da Casa da Cultura (Serra de Outes) e estarán complementadas polas actividades paralelas de mañá no Centro Náutico do Freixo, ao longo das catro xornadas.

Para poder asistir ás distintas sesións, será necesario reservar a través do sitio web da mostra, a partir do vindeiro luns 25.

Competición Oficial

Por primeira vez, Mares da fin do Mundo contará cunha competición oficial na que participarán quince obras documentais de menos de 60 minutos, chegadas dos confíns do mundo, que optarán ao Premio do Público (trofeo O Sancosmeiro e unha dotación económica de 500€):

Boa proa, Mariñeiros!, de Lara Capeáns e Domingo Docampo (España, Galicia, 2021).

Doole Doole, de Jean-Claude Thierry (Francia, 2019).

A Fish Tale, de Emmanuelle Mayer (Israel, 2019).

Fisheries on the Brink, da Environmental Justice Foundation (Reino Unido/Ghana, 2020).

Lessons from Jeju, de Nicole Gormley (Corea do Sur/Estados Unidos, 2020).

Mareas Ocultas, de Mònica Cambra (España, Cataluña, 2019).

Las mujeres y el mar, de Camila Guarda Velasco (Chile/Estados Unidos, 2019).

Northern Travelogues, de Kira Jääskeläinen (Finlandia, 2019).

Notre mer de déchets, de Morade Azzouz e Anca Ulea (Francia, 2020).

Redeiras, de Edu Marín (España, Galicia, 2021).

La saison des tourteaux, de Martin Benoist (Francia, 2020).

Singlando do Albán, de Tito Pérez (España, Galicia, 2021).

Solo son peces, de Ana Serna e Paula Iglesias (España, País Vasco/Galicia, 2019).

To the Surface, de Tyler Murgo (Estados Unidos, 2020).

Vogar, de Andrea de la Iglesia (España, Galicia, 2021).

Proxeccións especiais

Mares da Fin do Mundo tamén estrea dúas novas seccións: Proa, na que programará filmes e cineastas na vangarda do cinema da realidade, e Popa, adicada á proxección de arquivos e filmes históricos. O programa cinematográfico complétase con proxeccións especiais, como os filmes de inauguración e clausura, tanto internacionais como galegos.

Nesta edición, os organizadores salientaron “especialmente” as estreas en España dos filmes da sección Proa, cuxo foco estará na obra da realizadora francesa Mathilde Jounot, convidada especial da Mostra. A realizadora, escritora e activista, na súa primeira visita a Galicia, presentará a súa triloxía Océans, la veux des invisibles (Francia, 2016, 2019 e 2021), coa que “pretende chamar a atención da cidadanía sobre a necesidade dunha xestión sustentábel e responsábel dos océanos.”

O outro documental en primicia será, precisamente, o que inaugurará a cuarta edición, Iorram (Boat song) (Reino Unido, 2021), do director neozelandés radicado en Escocia Alaistar Cole. Trátase do primeiro filme do xénero rodado integramente en gaélico escocés, centrado na comunidade pesqueira das illas Hébridas Exteriores.

Finalmente, na gala de clausura do luns día 1 de novembro, en colaboración con Agalcari, presentarase Fasquiando o Futuro, unha obra documental sobre a importancia da carpintaría de ribeira en Galicia e, ademais, a curtametraxe desenvolvida polos participantes do Obradoiro de Cinema na Ría de Muros e Noia, promovido polo GALP Costa Sostible, tralo que se procederá á entrega de diplomas e anuncio do palmarés de MDFDM2021.

Actividades paralelas

Coma en edicións anteriores, a programación complementase con varias actividades desenvolvidas no Centro Náutico do Freixo. Estas comezarán o venres coa gravación e emisión dixital en directo do programa Mar de Ardora da Radio Galega. Nas xornadas posteriores, a mostra contará cunha nova mesa redonda con profesionais do sector, titulada O futuro da pesca artesanal, así como unha degustación gastronómica a cargo da Confraría de Noia.

Nas mañás do domingo e luns, os asistentes poderán descubrir o territorio a través das saídas pola ría no veleiro Joaquín Vieta, á que acompañarán visitas a bordo das embarcacións no porto e a exposición Que embarcación é?, organizadas en colaboración con Culturmar. O grupo compostelán The Sar Swing Quintet poñerá o broche a estas actividades de mañá cunha actuación musical o luns día 1.

Nesta edición, a fotografía tamén regresa a MDFDM da man do artista multidisciplinario Xacobe Meléndrez Fassbender cos proxectos Berros no roncar das ondas (Casa da Cultura) e Curar feridas (Náutico do Freixo). Ámbalas exposicións fotográficas poderán visitarse até o 28 de novembro.

Un proxecto do Concello e ABA Films

A mostra está organizada polo Concello de Outes, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña e a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

Fóronse meus dous irmáns: Mato, o maior, e Santi, o pequeno. O maior, morreume hai unhas semanas. O máis novo, o día do Pai. Se Xesús tivo vida longa e froitífera, Santi foise moi cedo despois de poñer unha pica en Bristol. Os tres somos tamén agora irmáns en terra:...