O Concello de Boiro celebrou unha nova sesión do Consello Escolar Municipal, que se realizou no salón de actos da Casa da Cultura de Boiro. A sesión estivo presidida pola concelleira de Educación, María Outeiral, e nela estiveron tamén a inspectora de zona, Isabel Senra, e os representantes dos centros, o alumnado, e asociacións e entidades que forman parte do Consello.
Na xuntanza púxose en coñecemento dos representantes dos centros de ensino e Anpas os prazos para solicitude das axudas do POS destinadas a gastos de escolarización e material informático; para conciliación e respiro familiar; e para causas extraordinarias de necesidades xurdidas como consecuencia da Covid-19. As axudas que o Concello de Boiro tramita mediante unha subvención da Deputación da Coruña poden solicitarse ata o 15 de novembro e están destinadas a necesidades de familias en situación vulnerable.
Na orde do día falouse tamén do proxecto En(clave) no que está a traballar o departamento de Educación para a posta en marcha dun programa integral de educación, igualdade e saúde xunto cos centros de ensino para atallar as necesidades detectadas polo persoal educativo en materia de igualdade de xénero, saúde mental, e outras cuestións de convivencia que se viron agudizadas debido á crise sanitaria.
Na última xuntanza do Consello Escolar creáronse distintas comisións de traballo para traballar en aspectos concretos e, nesta xuntanza, deuse conta dos avances realizados nas mesmas. A comisión tecnoloxía traballa nun plan de formación para familias, para facilitar o acceso a ferramentas dixitais e novas tecnoloxías, mediante a Aula CeMIT. O Concello de Boiro, a través da área de Educación, traballa para detectar e dar solución aos problemas e necesidades xurdidos no ámbito educativo. O Consello Escolar Municipal é o maior instrumento de participación na comunidade escolar, polo que está en condicións de ofrecer unhas perspectivas de interese xeral que axuden a clarificar e resolver os problemas xurdidos na comunidade educativa.