A Casa do Concello de Dodro acolle até o 24 de novembro a exposición fotográfica A Mar de Ben de Roxelio Pérez Moreira. O autor da mostra é doutor en Ciencias Biolóxicas, ex-profesor do Departamento de Edafoloxía da USC (1984-2021) e fotógrafo da Natureza, do patrimonio natural e paisaxístico de Galicia.
Nas palabras do seu autor, esta mostra retrata a simbiose que ten o noso territorio co medio mariño: “Galicia aproa ao mar e con moitos quilómetros de periferia marítima. A nosa costa é sinuosa, sumamente recortada e variada, con moi diversas configuracións morfolóxicas e ecolóxicas, debullándose cabos, rías, acantilados, praias, marismas, lagoas litorais e illas, ao que se suman as das circundantes profundidades mariñas. Temos no noso mar unha extraordinaria riqueza, na bioloxía, na economía e na paisaxe”, relata.
O Concello enmarcou a mostra nas actividades de celebración do Día Marítimo Mundial, efeméride que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas estableceu o cuarto xoves do mes de setembro de cada ano. A exposición tamén se abeira ao proxecto Dodro Sostible, iniciativa municipal que ten como centro de interese a divulgación ambiental como estratexia para o desenvolvemento dunha conciencia colectiva e dunha acción comunitaria orientada á conservación do medio natural.
Como dixemos, a mostra A Mar de Ben permanecerá aberta ao público nas dependencias da Casa do Concello ata o 24 de novembro, entre 9.00 a 14.00 h.