Volve a iniciativa de arte pública Viladomar, dirixida a dinamizar o importante talento creativo de Rianxo, a nosa comarca e Galicia, que vai seguir convertendo a vila rianxeira (na súa edición 2021) nun gran obradoiro de intervención artística e posta en valor de edificios e equipamentos. Viladomar vén da man da Asociación Cultural Ondiñas Mainas, en colaboración do Concello de Rianxo, contando co apoio de diversas entidades privadas. Estes días xa se poden ver os traballos da actual edición no Facebook da asociación, unha xanela directa a un novo xeito (enriquecedor) de encarar a construción e o urbanismo.
O obxectivo deste ano é “poñer o foco na escena mural contemporánea en Galicia”, un movemento que “xa leva máis de 20 anos desenvolvéndose da man de artistas que traballan no espazo público dentro e fóra das nosas fronteiras producindo proxectos, formando novas promesas e creando obras dunha estética e unha narrativa propias que beben dun imaxinario que nos é común”. Participan Iria Fafián (A Coruña), Sekone (Vilagarcía), Tucho Abalo (Cabo de Cruz) e Julia Gil (Taragoña).

Segundo informan dende Ondiñas Mainas, Fafián e Sekone atesouran anos de traxectoria e unha longa experiencia profesional en ámbitos como o deseño, a ilustración e o muralismo. Teñen realizado encargos e exposicións en cidades e vilas de España, Francia, México e EE.UU. No caso de Rianxo, intervirán cadansúa fachada na rúa Arcos Moldes e na estrada de Rianxiño, respectivamente, e conectarán o seu traballo coa imaxinería cultural rianxeira “nun proceso que merece a pena ver como medra e se completa día a día”, explican dende a asociación.

Amais, tamén se contará co contribución de Tucho Abalo (Cabo de Cruz), que estará traballando na lonxa vella do porto de Rianxo creando unha “escultura moi especial”, xa que transformará residuos recollidos nas praias da contorna en expresión volumétrica para logo ser instalada nun emprazamento circular que Viladomar desvelará nas súas redes sociais.
Finalmente, Julia Gil, moza nada en Taragoña, será a convidada local desta edición na que emerxerá ó ámbito mural e na que tamén será a súa primeira intervención no espazo público. Ela estará pintando no Colexio Rural Agrupado da Atalaia en Asados.
Estas actividades creativas veñen dar continuidade ás que xa se realizaron dende o ano 2018 con obras de Novenoel (Rianxo), Lara Torres (Rianxo), Mutante Creativo (Ordes), Miguel Peralta (Santiago), Nana (Ordes), Doa oa (Sober) e Luis Vicente Batalla (Rianxo).