
Vai tempo que, cunha soa cita, a presidenta do ente público Portos de Galicia e os presidentes das federacións de pesca deportiva máis importantes de Galicia teñen negociado un acordo que permitirá a práctica da pesca deportiva de xeito legal. O que non se entende é que uns e outros e polo medio a Consellería do Mar, permitan que os afeccionados á pesca deportiva ou pesca recreativa se cabreen porque contra deles se realizan accións punitivas das que sí se informa e, sen embargo, calan un acordo desa importancia que só enuncialo tería evitado molestias e malhumores na páctica totalidade dos portos autonómicos galegos.Tal acordo foi presentado o pasado 28 de xuño en Santiago de Compostela para o seu ulterior estudo e aprobación. Daquela, Portos de Galicia anunciaba a posibilidade de que fose publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) a finais do verán. Oficialmente, polo tanto, xa tería que estar publicado.
Cando tal publicación sexa realidade, o regulamento será un documento oficial para todos os pescadores recreativos ou deportivos, que poderán realizar esa súa actividade supostamente favorita en 103 dos 122 portos autonómicos galegos, se ben en 76 deles haberá zonas acoutadas ou restrinxidas sinaladas para non inteferir nas actividades dos profesionais do mar.Oficialmente, a pesca deportiva está prohibida nos portos galegos desde o ano 1972. Pero en todos estes anos non se adoptaron medidas coas que facer cumprir a lei. Ata que, coa remuda na presidencia do ente Portos de Galicia, a actual responsable desta entidade, Susana Lenguas, se reuniu cos representantes das federacións de pesca deportiva máis importantes de Galicia para negociar un acordo que permitiría realizar en portos e dársenas moi concretos desta comunidade autónoma unha pesca deportiva de xeito legal.Para que isto sexa realidade, só falta a publicación do acordo no DOG. Mentres tanto, é previsible que se manteña o malestar entre os afeccionados se alguén non clarexa a situación .Sexa como for, a Lei 2/2021, de pesca continental (publicada no DOG o 15 de xaneiro de 2021), xa se refería á pesca continental con fins deportivos e recreativos referíndose a esta práctica como “ferramenta de desenvolvemento turístico, económico e social no medio rural da comunidade autónoma de Galicia”, e fixaba a necesidade de solicitar licenzas para a pesca recreativa e deportiva e os permisos de pesca en coutos e de especies concretas, pero sen definir como, onde e cando se poden realizar estas actividades, motivo polo que se entende deixa aberta a súa posterior regulación por medio de Regulamentos (que son que non hai).Segundo o acordo citado, poderáse realizar pesca deportiva e recreativa en, como xa dixemos, 103 dos 122 portos autonómicos, tendo en conta que en 76 deles haberá restriccións ou estarán acoutadas zonas que os pescadores deportivos ou recreativos non poderán utilizar. A pesca deportiva e recreativa estará prohibida nos portos de A Pasaxe, Aldán, Ares, As Sinas, Beluso, Bueu, Carril, Corbaceiras, Moaña, O Campo, O Xufre, Quenxe, Raxó, Redes, Ribeira, San Pedro de Visma, Santa Cristina de Cobres, Sanxenxo e Testal.Os de pesca libre e sen restriccións serán os de: A Barquiña, Ameixido, Ancados, Bares, Boa, Cabodeiro, Covelo, Espasante, Ézaro, Goián, Insuela, Mera, Noia, Nois, O Conchido, O Seixo, Oia, Os Muiños, Perbes, Portocelo, Rañó, Rinlo, San Miguel de Deiro, Santa Cruz, Santa Mariña, Santa Marta e Taragoña. No resto de portos autonómicos poderá practicarse a pesca deportiva con restriccións (que serán as que estimen oportunas as autoridades portuarias) tendo en conta o labor das traballadoras e traballadores do mar, e outras actividades portuarias propias como son os aparcamentos, accesos, lonxas. etc. Os pescadores deberán estar en posesión dunha licenza de pesca continental de carácter persoal e intransferible, causar alta na Sede Electrónica da Xunta de Galicia, estar en posesión dun seguro de responsabilidade civil e cubrir unha declaración xurada na que se comprometen a cumprir as normas do porto ou instalacións nas que realizan a pesca. Os menores de 14 anos non precisan de licenza, pero deberán estar acompañados dun adulto que sí a teña.Todo isto se complementa con medidas a cumprir para poderen permanecer nas zonas acoutadas e cumprindo normas como a non comercialización do peixe capurado durante o exercicio da pesca deportiva/recretaiva, a pesca de especies protexidas ou ameazadas e outros feitos que danen o medio ambiente como o verquido de substancias tóxicas, contaminantes ou perigosas. Con esta formulación, obrigan a formular a pregunta inicial: se as bases dese regulamento xa están sentadas por Portos de Galicia e as federacións de pesca deportiva/recreativa, por que os pescadores afectados non son coñecedores de todo iso?. Teñen que mobilizarse en todos os portos de Galicia para saberen que xa están regulados -ou case- pero que as súas federacións e Portos de Galicia calan coma petos?.Pouca lacha, dicía a finada Carmen Bouzas.