Os representantes socialistas da Mancomunidade Serra do Barbanza pechan fileiras en Carnota a prol do modelo da planta de Lousame

Representantes do PSdG-PSOE dos concellos que forman a Mancomunidade Serra do Barbanza, reuníronse este martes 31 de agosto en Carnota co obxectivo de mostrar o seu apoio formal á Planta de Reciclaxe de Lousame e mellorar o funcionamento da entidade dos concellos da comarca, formada por Lousame, Noia, Porto do Son, Muros, Carnota e Brión.

Na xuntanza, celebrada no Consistorio carnotán e abeirada ás actividades da recente toma de posesión da presidencia da Mancomunidade polo rexedor local Juan Manuel Saborido, os socialistas abordaron o remate da concesión da Planta de Servia (Lousame) en 2023 e o que consideran un exemplo de “mal funcionamento”, a xestión recente da planta, que sinalan que debe ser emendado, “xa que se trata dum modelo polo que o PSdG sempre apostou, xa que pon valor os postos de traballo na comarca e a reciclaxe en proximidade, e é menos contaminante ca outras plantas que operan en Galicia”. Os socialistas consideran “necesario poñerse a traballar para asegurar o antes posíbel a continuidade do complexo ambiental de Lousame”, e realizar “as xestións precisas neste sentido”, tal como reclamaban os traballadores na manifestación que tivo lugar o pasado domingo no concello de Porto do Son.

Asemade, os representantes municipais do PSdG ofrecéronse ao alcalde de Carnota para axudalo en “todo o posíbel” para desenvolver o labor de presidente da Mancomunidade, e aproveitar o ano de mandato para “fortalecer, e potenciar unha actividade en común, co obxectivo de mellorar os servizos á cidadanía dos concellos que integran a Mancomunidade”.