No Son, o Real Club Náutico e o Concello introducen á rapazada na paixón pola vela este mes de setembro

O Concello de Porto do Son e o Real Club Náutico de Portosín presentaron os detalles do seu Programa de Vela Infantil, unha axenda formativa e adestradora para iniciar na navegación a crianzas de entre 8 e 12 anos (equipo optimist).

As actividades levaranse a cabo os venres (en horario de 15.30 a 18.30 horas) e domingos (de 11.00 a 14.00 horas).

O RCN e o Concello poñen a disposición das nenas e nenos os seguintes recursos: embarcación, chaleco, adestrador e unhas modernas instalacións preparadas para navegar todo o ano.

As actividades serán de proba este mes de setembro e, polo tanto, serán gratuítas para as nenas e nenos que se animen a “desfrutar da paixón polo mar”. As sesións formativas artellaranse por grupos ou de xeito individual.