O Concello de Boiro vén de anunciar que contará no presente curso cun taller dual de emprego especializado en xestión forestal. A formación deste actividade formativa e capacitadora (Obradoiro de Emprego. Xestión forestal Torre Goiáns – Boiro) estará dividida en dúas especialidades, unha de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e outra de Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas.
Un total de 20 persoas participarán na iniciativa, divididas nas dúas especialidades entre os meses de outubro de 2021 e xullo de 2022. As persoas interesadas en participar nesta formación deben achegarse á Oficina de Emprego e inscribirse como demandante de emprego e solicitar “taller de emprego”. O alumnado traballador terá un contrato de traballo para a formación e aprendizaxe a tempo completo, de 40 horas semanais, durante 9 meses en horario de 7.30 a 15.30 horas de luns a venres.

Para o desenvolvemento do programa formativo vaise realizar tamén a contratación de persoal docente, incluídos un director/a, un titor-docente e dous docentes, un para cada unha das especialidades que se van impartir.
Para a contratación deste persoal vaise abrir un prazo de convocatoria pública e os contratos de traballo formalizaranse a xornada completa co mesmo horario que o alumnado, agás o/a titor/a docente, que será un 70% da xornada.
O Obradoiro de Emprego. Xestión forestal Torre Goiáns – Boiro levarase a cabo mediante o financiamento da Consellería de Emprego e Igualdade, ao abeiro das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia.
Toda a información sobre o desenvolvemento do obradoiro de emprego en xestión forestal pódese obter de xeito presencial na Oficina de Orientación Laboral do Concello de Boiro, e no enderezo electrónico orientación.laboral@boiro.org ou no teléfono 981 84 26 09.