A veciñanza da Pobra fixo unha viaxe ao pasado do seu concello

Esta última finde de setembro celebrouse a cuarta edición das xornadas A Pobra do Caramiñal no Tempo, encontros de divulgación sobre a historia e cultura do municipio. O programa comezou no sábado 25 con catro conferencias. O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), foron os encargados de inaugurar esta nova convocatoria. A edil indicou que o obxectivo principal foi “mostrar o pasado da Pobra para poder comprender un pouco máis o noso presente e, incluso, o noso futuro”, mentres que o rexedor puxo en valor “o dinamismo e actividades culturais, ademais de que estas xornadas son para desfrutar e aprender.”

Deseguido, procedeuse co primeiro relatorio, Da singular vida e obra do pobrense A. Paz Míguez, da man de Esperanza Mariño Dávila, quen sinalou que o caso deste autor “é singular en toda a literatura galega.” Fíxose así un repaso pola súa vida e obra, dúas cuestións estreitamente ligadas, xa que nas súas obras narra parte da súa infancia no municipio.

Pola súa parte, Miguel Vidal Lojo impartiu a sesión Que nos contan os castros do Barbanza? O relator achegou diversos datos sobre a importancia destes asentamentos e manifestou que “seguramente os castros das Rías Baixas e da península do Barbanza tiveron unha evolución diferente a outros castros do interior.”

Tras un descanso, interveu Rubén Rial, ilustrador da lámina que se lle entregou como agasallo ás persoas asistentes e, despois, chegou a quenda de José Manuel Vázquez Lijó con Os Areos. O barrio industrial da sardiña no século XIX. Comezou dando conta do que era a zona dos Areos hai 200 anos e como este barrio emblemático se foi constituíndo a través da industria.

Aurora Marco López ofreceu a conferencia Mulleres entre dous séculos (XIX-XX). María Dios Rivademar, onde, inicialmente, deu conta da complicada situación que vivían os artistas plásticos, especialmente se eran mulleres. No caso concreto de María Dios Rivademar, fixo un repaso pola súa biografía. Así mesmo, falou doutras mulleres coma María Juana Figueirido Correa, Juana Domínguez Fernández e María Teresa Rego Maneiro.

Ademais, incluíuse unha visita, no domingo 26, ao barrio dos Areos e ao almacén de salga dos Villoch, na Laxe (Cabío).

As charlas do sábado 25 tamén foron retransmitidas pola canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal, onde permanece o vídeo gardado para quen desexe reproducilo.