O Barbanza, xunto co Morrazo e o Salnés, son tres das comarcas sinaladas en Galicia á hora de fixar responsabilidades por parte de armadores, oficiais e mariñeiros dos buques que teñen como obxectivo principal ó robalo de profundidade ou pescada negra en augas austrais de Argentina, Chile e a antártica australiana, onde moitos dos barcos acusados de realizar esa práctica de pesca prohibida foron localizados ou acusados de estaren faenando nelas indebidamente.
Ribeira, Vilagarcía, Cangas-Vigo -pero tamén a provincia de Ourense- foron investigados policialmente para determinar o seu grao de responsabilidade e participación na propiedade, xestión e explotamento de, polos menos, dous buques de pesca cuxa propiedade podería corresponder, en agosto de 2017, a armadores galegos.
Os pesqueiros eran o “Thunder” -afundido polos seus tripulantes en abril de 2015 fronte á illa de Santo Tomé e Príncipe nun intento de se desfacer das probas incriminatorias como o peixe e as volantas que levaban a bordo- e o Tchaw, identificados en relación á pesca ilegal ou pesca pirata no marco da Operación Sparrow 2. Os días 28, 29 e 30 de xullo de 2015, inspectores de pesca realizaron traballos de localización de probas deste delicto en localidades das provincias de Pontevedra, A Coruña e Ourense, facéndose con documentación relativa aos buques Viking e Seabull 22 (os dous fora de servizo e sancionados) e os xa citados Thunder e Tchaw, cuxa actividade ilícita tamén foi investigada. Este tipo de prácticas poden ser castigadas con multas de entre 60.001 e 600.000 euros, e as persoas e empresas implicadas, coa súa inhabilitación e a prohibición de obter axudas públicas. No caso concreto do Thunder, cuxa propiedade foi supostamente recoñecida a un armador ribeirense (Tucho “Coio”) as responsabilidades derivaron nunha multa de 15 millóns de euros e penas de entre 32 e 36 meses de cárcere para o xefe de máquinas (natural de Muros) e o segundo de máquinas (residente en Ribeira). Este buque, antes da súa denominación coma Thunder, amáis de cambear de bandeira tamén mudou de nome, empregando os de Batu I, Raz, Ming nº 5, Wuhan nº 4, Kuko, Typhoon, Range, Rubin, Artic Ranger e Vesturvon.
Tamén puxo inpedimentos para o seu rastrexo o Tchaw, propiedade non demostrada oficialmente do xa citado armador ribeirense, e que, tamén mudando de bandeira en varias ocasións, cambeou asimesmo de nome: Rex, Condor, Inca, Cisne Azul, Pescamex IV, Pescamex III, Arosa Cuarto e Pesca Cisne.
A Operación Sparrow (fase inicial da Sparrow 2) propiciou a sanción de 2,45 millóns de euros a seis firmas de Ribeira e Vigo e de 2,88 millóns a seis persoas responsables destas empresas supostamente propietarias destes dos buques furtivos Viking e Seabull 22. No marco da Operación Sparrow, o Goberno sancionou con 17,8 millóns de euros a nove compañías e sete persoas vinculadas a barcos que pescaban ilegalmente no Océano Antártico especies protexidas.
Unha das empresas investigadas en Ribeira, Vidal Armadores, fora condenada antes da devandita operación inspectora ata en 7 ocasións, após recibir 11 denuncias. Desde 1999, segundo un informe de Greenpeace, producíranse cando menos once detencións e 7 condenas con buques relacionados con Vidal Armadores. Por este motivo impuxéranlles multas internacionais de máis de tres millóns de euros e a confiscación de tres barcos.
Entre os cargos que constan por estes motivos figuran, amáis da pesca ilegal, blanqueo de capitais, falsidade documental e organización criminal.
A pesca ilegal, non declarad e non regulamentada degrada o ecosistema mariño e pon en risco a súa biodiversidade. Esta actividade nunca desaparecida dos mares austrais nos últimos 40 anos, volveu ser nova nos nosos días pola retención no porto iemení de Al Mukalla dos 32 tripulantes do pesqueiro COBIJA, inicialmente boliviano e finalmente adquirido no mar por unha sociedade somalÍ. Este buque, segundo a organización policial Interpol, denominouse anteriormente Cape Wraht II e Cape Flowers e foi vinculado á pesca ilegal. As investigacións determinan a existenza dunha variedade e complexa actividade ilegal, asociada á delincuencia e á anarquía, no marco dunhas organizacións criminais que se nutren da venda do peixe capturado ilegalmente. Goberno e Xunta de Galicia coñecen perfectamente como traballan estes barcos e o entramado de sociedades pantasmas como as que, en teoría, dan amparo ao armador galego -da zona do Morrazo, segundo as afirmacións de mariñeiros que non están dispostos a admitir este tipo de actividade ilegal- que, ren moitos casos, son motores da economía na comarca na que residen e na que captan -por sí ou polo intermedio doutros mariñeiros- sobre todos aos mandos deses buques.O capitán do COBIJA, Pablo Costas Villar, fialmente repatriado do Iemen polo Goberno español e que na actualidade está a pasar inspeccións médicas en Vigo e Bueu (esta vila a da súa residencia), negou por activa e por pasiva que realizara pesca ilegal e culpa a Australia de elaborar unha acusación ad hoc contra a súa persoa para castigar o feito ou a ousadía de que un mariñeiro galego faene en augas que eles consideran de seu e que están tan lonxanas a Galicia.
Segundo a FAO, a pesca ilegal é responsable da perda de 10 a 23.000 millóns de dólares estadounidenses, valor dos entre 11 e 23 millóns de toneladas anuais de peixe capturado.