“Unha vella historia, con Ana Peleteiro no frontispicio” – Antón Luaces

02 Agosto 2021

Nunca souben con exactitude se o vello campo de fútbol-balonmán e a pista de terra que era a “cancha” de baloncesto situadas ás costas dos edificios do Grupo Escolar “Francisco Franco” e do “Frente de Juventudes” eran do municipio, cedidos ao centro escolar ou compartidos por este e o Frente de Juventudes. O caso é que, aló polos anos 50 do século pasado, os cativos que asistían ás clases dese centro educacional -daquela dirixido pola profesora Jaureguizar Isasi. Nese tempo era delegado do Frente de Juventudes local o finado Ricardo Pérez Queiruga, ex alcalde de Ribeira e un formidable porteiro de fútbol e de balonmán.
Vou lembrar algo que, xa o dou por suposto, non moitos lectores coñecerán e outros optarán libremente por ignoralo; pero ese labor formativo que no eido deportivo está e levar a cabo o Concello, con sobranceiras figuras entre as que a máis importante é, hoxendía, a da plusmarquista española e medallista olímpica nos xogos que se celebran en Toquio, Ana Peleteiro, tivo as súas orixes neses campos de terra e terra-herba citados anteriormente nos que, daquela, adestraban sen saber que o facían os integrantes de parte da xuventude ribeirense.
O xa citado Ricardo Pérez Queiruga soubo atraer, xunto con Juan Fernández, excelente pintor daquela coñecido polo alcume “Juanito o do Miami”, a rapaces e mozos que comezaron a desenvolver a súa actividade física xogando a baloncesto e balonmán, e tamén a fútbol. Entre un e outro campo, había unha pequena pista de atletismo na que se podían exercitar os amantes de especialidades (¿?) como lanzamento de peso, lanzamento de disco, lanzamento de xavelina; salto con pértega, salto de altura, salto de lonxitude e, obviamente, carreiras.
Non había adestradores, pero si lugar onde aprender e, o máis importante: era o único lugar no concello que dispuña de material que poder empregar para comezar a coñecer técnicas, estilos, etc.
Teño visto lanzar disco a, entre outros, Tucho Ayaso (coñecido como Tucho O Manilo), xavelina -e con lanzamento moi a ter en conta- a Tucho Lorenzo, “Tiburón”; a José Manuel Parada (Suco II ou Zamorita), practicando salto con pértega antes de se ir á “mili” e xogar ao fútbol coma profesional; a Xosé Manuel Prado (fillo do sempiterno patrón do “Vapor” de Vilagarcía, que facía lanzamento de peso e natación con moi boas marcas en ambas as disciplinas), a Luís Martínez (fillo de Manolo Martínez Rodríguez, un dos irmáns que levantaron a que fora importante industria Talleres HMR El Nervión), saltando lonxitude con máis de catro metros sendo un rapazolo e case nove metros en triplo salto… e unha chea de rapaces e mozos que pasaban polo foxo de area practicando saltos e lanzamentos cando o seu tempo o permitía. Moitos máis, xogando ao baloncesto e o balonmán.
Nada que ver, certamente, con todo o que hoxendía se pode facer nas instalacións da Fieiteira (tendo en conta que o único campo de fútbol que había daquela era o de Frións e o que moita rapazada empregaba para a práctica do fútbol: o Campo da Feira, situado na parte traseira do edificio cuartel da Garda Civil. E nada que ver, seguro, cos rexistros que acadan nos centros de tecnificación do deporte os que teñen a sorte de poder acceder a eles e prepararse a fondo como o fai a nosa deusa do triplo salto, Ana Peleteiro, que ven de nos dar a grandísima satisfacción de gañar a medalla de bronce -por pouco a de prata- nos xogos olímpicos que se celebran no Xapón.
Sendo o fútbol o epicentro das aspiracións xuvenís de practicar un deporte, vai máis de 60 anos Ribeira daba pasos para ter nome propio nas citas deportivas locais -en desputa e co-participación con Rianxo e A Pobra do Caramiñal- e mesmo concorrendo nas probas provinciais en disciplinas como o atletismo, o baloncesto, o balonmán, o ping-pong (individual e por parellas), acadando en varias ocasións medallas ou diplomas, tamén trofeos, que probablemente alguén gardará no seu domicilio como lembranza daquel tempo sen pensar nunca que Ribeira podía ser o berce de deportistas como a medallista olímpica Ana Peleteiro a quen o Concello debería recoñecer, xa, como filla predilecta e organizarlle un recibimento acorde coa importancia que ten o premio -impresionante- acadado na capital nipona onte, domingo.
Nunca houbo en Ribeira -si noutros lugares de Galicia- medallistas olímpicos. Agora xa nos podemos gabar de ter en Fondevila a residencia da primeira medallista en triplo salto, á que poden seguir outros atletas que, oxalá, sigan o camiño en calquera disciplina deportiva.
Abofé que sería un fito a partir do xa establecido por Ana, a triplista que o domingo nos encheu, aínda máis, do orgullo de compartir con ela esa medalla de bronce que, quen sabe, non vindeiros xogos olímpicos podería ser doutro metal. Por que non, Ana Peleteiro?.
Parabéns a atleta. Parabéns a Ribeira, a Galicia e a España.

Outros artigos

“Pereira, la tierra del civismo con aroma a café”. Alberto Barciela

En su maravilloso “Botella al mar para el dios de las palabras”, extraído de “La Jornada”, México, Gabriel García Márquez habla de sabores, del regusto de la vida, de la naturaleza y de lo natural, y se pregunta: “¿Cuántas veces no hemos probado nosotros mismos un...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Armarse para la paz por miedo al invasor Putin”. Manuel Velo

“Armarse para la paz por miedo al invasor Putin”. Manuel Velo

Después de cientos de años no aprendemos nada y seguimos la misma dinámica de guerras, en vez de llegar a acuerdos para construir en vez de destruir. Parece una contradicción que haya que armarse para la paz por miedo al invasor como Putin. Cuanto más poder tienen más...