Santiago Llovo presentou o seu libro sobre a salgadura de Corrubedo no remodelado Centro Social da parroquia

A titular de Mar enxalza o labor de documentación deste historiador para realizar unha obra que percorre as nove fábricas de salgadura que existían no pasado no litoral de Corrubedo así como pola súa orixe, os seus propietarios e a súa actividade

 O Executivo galego subliña a importancia de traballos coma este para preservar o patrimonio material e inmaterial da Galicia costeira, recuperalo do esquecemento e que poida chegar ás vindeiras xeracións

A conselleira do Mar participou na presentación do libro ‘As fábricas de Corrubedo’

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na presentación do libro As fábricas de Corrubedo, onde salientou o alto valor histórico do traballo realizado polo seu autor, Santiago Llovo, para rememorar os inicios industriais da Galicia mariñeira e evitar que queden no esquecemento.
A titular de Mar lembrou que se trata xa da novena obra deste historiador-escritor e que en todas afonda no patrimonio material e inmaterial de Galicia co obxectivo de preservalo e transmitilo ás xeracións futuras. “Es a sorte de Galicia, da nosa cultura mariñeira e de todo o patrimonio industrial agochado nos pobos costeiros galegos”, subliñou Rosa Quintana, que enxalzou o seu labor para conservar o legado das mulleres e homes que contribuíron a formar a Galicia costeira actual. Esta nova publicación de Santiago Llovo recolle a historia das salgaduras que houbo na parroquia de Santa María de Corrubedo coa finalidade de facer visible e poñer en valor o patrimonio preindustrial desenvolvido arredor das fábricas de sardiña, que era como os cataláns adoitaban chamar ás salgaduras. Ao longo do libro o autor vai debullando a historia das nove fábricas que existiron no pasado nas praias urbanas de Corrubedo -algunhas datadas a finais do século XVIII e das que, nalgúns casos, aínda quedan vestixios- incluíndo as súas orixes, os propietarios que tiveron ao longo do tempo, as embarcacións mercantes asociadas a elas, as infraestruturas coas que contaban ou os produtos que comercializaban.
Por iso, a conselleira do Mar enxalzou a figura de Santiago Llovo como un home de estudo con gran rigor documental pois recorreu a fontes de información practicamente inéditas que permanecían agochadas nos arquivos públicos. Este libro, engadiu, analiza a sardiña como eixo do xerme industrial da Galicia costeira e da transformación que se derivou desa actividade fundamental para a economía local do seu tempo.
A titular de Mar agradeceu o esforzo realizado por este historiador e animouno a seguir con ese traballo pois redunda en beneficio do conxunto de Galicia. De feito, trátase dun labor que coincide co obxectivo da Xunta de preservar o patrimonio e a cultura marítimas de Galicia mediante a elaboración do Plan da Cultura Marítima-Horizonte 2030 ao abeiro dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería do Mar, a Universidade da Coruña e a súa fundación.